
- Sogama proporcionará ao ente local outros tantos composteiros, así como manuais didácticos para entregar aos veciños participantes
- Tamén impartirá un curso de formación presencial que terá lugar o próximo 7 de xullo, ás 18:00 horas, no Centro Cultural de Sigüeiro
- Con esta iniciativa, orientada cara á prevención e a reciclaxe, o Concello quere aforrar custos, tanto ambientais como económicos
Cerceda, a 18 de xuño de 2025.- O Concello de Oroso, co apoio de Sogama, decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica a novos fogares, facendo un total de 135 os que participan activamente nesta iniciativa, orientada cara á prevención de residuos e a reciclaxe.
A Sociedade pública remitirá ao ente local medio cento de composteiros para repartir entre outras tantas vivendas. En todo caso, deben ter carácter unifamiliar e dispoñer de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) a fin de que o compost resultante poida regresar á terra convertido en abono natural, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica.
Dado que esta fracción representa en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, se se trata e valoriza en orixe, evítase o seu depósito nos contedores a pé de rúa, posibilitando un aforro a nivel de emisións de CO2, derivadas do transporte, así coma no importe da factura que o Concello debe pagar a Sogama polo tratamento finalista dos residuos.
Se ben esta iniciativa recupera unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, o certo é que o composteiro (con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables) dota ao proceso de maior comodidade, hixiene e eficiencia.
Co obxectivo de que os veciños participantes poidan obter un compost de alta calidade e que cumpra con todos os requisitos establecidos pola lexislación vixente, ademais de entregarlles manuais didácticos de apoio, recibirán un curso de formación presencial o próximo 7 de xullo, no Centro Cultural de Sigüeiro, ás 18:00 horas.
Técnicos especializados de Sogama explicarán aos asistentes toda a operativa a levar a cabo, comezando pola propia montaxe do composteiro e localización idónea para o mesmo, tendo en conta que debe estar en contacto coa terra para facilitar a entrada dos organismos descompoñedores, a relación dos materiais que deben, e non deben, depositarse no mesmo, e o control que os usuarios deben realizar da mestura entre fracción húmida e seca, así como de parámetros tales como o osíxeno e a temperatura.
A xornada será aproveitada para resolver dúbidas, non só en relación ao autocompostaxe, senón tamén sobre a recollida selectiva de residuos no seu conxunto.
Saúdos, Departamento de Comunicación