- Un cento de novas vivendas (50 en cada caso) incorporaranse a esta iniciativa para converter a súa materia orgánica en compost de calidade, que posteriormente utilizarán nos seus xardíns, hortas ou terras de cultivo
- A Sociedade Galega do Medio Ambiente será a encargada de enviar a ambos os dous municipios os medios materiais e didácticos necesarios para levar a cabo este programa, á vez que xa se puxo a dispor dos entes locais para impartir cursos de formación presenciais
Cerceda. 4 de novembro de 2026.- Un cento de novas vivendas de Ribeira e Outes (50 en cada caso) incorporaranse en breve aos programas locais de compostaxe doméstica promovidos por ambos os dous Concellos coruñeses. Faranno coa axuda de Sogama, quen lles proporcionará, de forma gratuíta, os 100 composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados), así como os manuais didácticos de apoio para as familias, nos que se explica de forma detallada a operativa.
Non obstante, e tendo en conta a importancia da formación e concienciación cidadá, a empresa tamén se puxo a dispor dos Concellos para impartir cursos presenciais orientados a instruír na técnica aos veciños participantes nesta iniciativa e resolver as súas dúbidas. Porque o principal obxectivo do programa é obter un compost de alta calidade que cumpra os requisitos establecidos pola normativa vixente e que, polo tanto, poida ser aplicado, con garantías e sen limitacións, en hortas, xardíns e terras de cultivo.
Para isto, é necesario que a localización do composteiros sexa a idónea (no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores). Así mesmo, os usuarios deben ter claro que residuos poden, e non poden, depositarse neste recipiente, e como facer o seguimento do proceso, resultando conveniente o control de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade.
De seguir esta vía, preto do 40% da composición dunha bolsa de lixo doméstico tipo, conformada por materia orgánica, xestionaríase e trataríase no propio fogar, evitando o uso dos contedores da rúa. Unha práctica de gran interese, especialmente para as zonas máis rurais e con alta dispersión da poboación, que podería supoñer un aforro de custos, tanto ambientais, ao diminuír a frecuencia de recollida e transporte destes refugallos, reduciendo as emisións de CO2 á atmosfera, como económicos para as arcas locais.
A día de hoxe, Sogama repartiu na provincia da Coruña máis de 7.200 composteorps entre 151 entidades (56 concellos, 82 centros educativos e 13 colectivos sociais).
Saúdos, Departamento de Comunicación