- Nas mesmas participaron máis de 80 alumnos e alumnas de primaria e ESO, que foron instruídos na importancia da prevención e a redución da produción de residuos, así como da reutilización dos produtos e a reciclaxe dos mesmos, unha vez esgotada a súa vida útil
Cerceda, 5 de novembro de 2026.- Máis de 80 escolares de Primaria e ESO do Centro Público Integrado Plurilingüe de Xanceda, pertencente ao municipio de Mesía (A Coruña), foron instruídos por educadores de Sogama na xestión sostible dos residuos e, máis concretamente, no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
A través de tres sesións, o alumnado puido tomar boa nota da importancia que ten previr a produción de refugallos a través dun consumo consciente e responsable, tamén da relevancia da reutilización, que non é máis que alongar o uso dos produtos ata esgotar a súa vida útil, e, por suposto, da recollida selectiva, que consiste en separar os residuos por tipoloxías e depositalos nos contedores correspondentes para garantir o seu posterior reciclado. Un sinxelo xesto con grandes beneficios, tanto ambientais como económicos, xa que a reciclaxe evita o consumo de materias primas virxes, aforra enerxía e logra transformar os residuos en recursos.
Ao respecto, tanto alumnos como docentes aproveitaron a ocasión para consultar as súas dúbidas, entre as que figuraban o depósito de envases de produtos de coidado personal cando aínda teñen restos de contido ou que envase debe ser utilizado para introducir o aceite doméstico que logo se leva ao punto específico de recollida. Así mesmo, trasladaron unha serie de observacións respecto dos contedores de téxtil, xa que, ao estar xestionados por diferentes entidades, non teñen a mesma cor, circunstancia que, ao seu xuízo, pode levar a confusión.
Falouse tamén do labor de Sogama, encargada de xestionar os residuos urbanos procedentes de 304 concellos, así como das súas prioridades, que pasan por propiciar a reciclaxe daquela fracción susceptible de seguir esta vía e someter a valorización enerxética la parte non reciclable, que transforma en electricidade, evitando desta forma que acabe en vertedoiro, a opción máis contaminante e nociva para o medio ambiente e a saúde.
Saúdos, Departamento de Comunicación