
- Os Estados membros quedan obrigados a establecer novos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (RAP) nun prazo de 30 meses a partir da entrada en vigor da Directiva
Cerceda, ao 10 de setembro de 2025.- O Parlamento Europeo dou luz verde a novas medidas para previr e reducir os residuos alimentarios e téxtiles en toda a UE.
A lexislación actualizada introducirá obxectivos vinculantes de redución do desperdicio de alimentos: un 10 % na transformación e fabricación de alimentos e un 30 % per cápita no comercio minorista, os restaurantes, os servizos de restauración e os fogares. Estes obxectivos, que deberán cumprirse a nivel nacional antes do 31 de decembro de 2030, calcularanse en comparación coa cantidade xerada como media anual entre 2021 e 2023.
A petición da Eurocámara, os países da UE terán que tomar medidas para garantir que os operadores económicos que desempeñan un papel importante na prevención e a xeración de residuos alimentarios, faciliten a doazón de alimentos non vendidos que sexan seguros para o consumo humano.
Responsabilidade ampliada do produtor de téxtiles
Por outra banda, os produtores que comercialicen téxtiles na UE deberán cubrir os custos da súa recollida, clasificación e reciclaxe mediante novos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (RAP) que establecerá cada Estado membro nun prazo de 30 meses a partir da entrada en vigor da Directiva.
Estas disposicións aplicaranse a todos os produtores, incluídos os que utilizan ferramentas de comercio electrónico, independentemente de que estean establecidos nun país da UE ou fóra da Unión. As microempresas disporán dun ano adicional para cumprir os requisitos da RAP.
As novas normas abarcarán produtos como roupa e accesorios, sombreiros, calzado, mantas, roupa de cama e de cociña, e cortinas. Por iniciativa do Parlamento Europeo, os países da UE tamén poderán establecer sistemas de RAP para os produtores de colchóns.
Así mesmo, deben abordar as prácticas de moda ultrarrápida e moda rápida á hora de decidir as contribucións financeiras aos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor.
De conformidade coas normas de segunda lectura, o presidente anunciou no Pleno que o acto proposto considerábase adoptado (a posición xa fora acordada polo Consello a principios deste verán).
A lei será agora asinada por ambos colexisladores, antes da súa publicación no Diario Oficial da UE. Os países da UE disporán de 20 meses a partir da súa entrada en vigor para transpoñer as normas á lexislación nacional.
Contexto
Cada ano xéranse na Unión Europea case 60 millóns de toneladas de residuos alimentarios (132 kg por persoa) e 12,6 millóns de toneladas de residuos téxtiles. Só a roupa e o calzado representan 5,2 millóns de toneladas de residuos, o que equivale a 12 kg de residuos por persoa ao ano. Estímase que menos do 1% de todos os téxtiles do mundo se reciclan para fabricar novos produtos.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pixabay