- Así o manifestou o presidente da compañía, Javier Domínguez, nunha entrevista realizada por Radio Pontevedra, onde tamén aludiu aos logros alcanzados durante os seus máis de 11 anos ao fronte da Sociedade
- Entre estes, destacou a ampliación do Complexo cercedense, con capacidade para tratar hoxe os residuos municipais producidos en toda Galicia, o incremento do transporte por ferrocarril, que pasou do 25% ao 55%, e a posta en marcha da rede pública de compostaxe industrial, conformada por 16 instalacións
- De cara ao futuro, referiuse ao Plan Estratéxico 2025-2030, con proxectos tales como a construción e operación da que será a primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles, así como a transformación dixital e a descarbonización dos procesos
Cerceda, 7 de setembro de 2026.- Nunha entrevista concedida a Radio Pontevedra-Cadena Ser, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, aludiu ao esforzo adicional que esta empresa pública realiza durante o período estival, cando os residuos a tratar nas súas instalacións se incrementan en aproximadamente un 20%. “Se nun mes normal recibimos da orde de 2.000-2.500 toneladas, durante os meses de xullo e agosto esta cifra pode subir ata as 3.000-3.500 toneladas”, precisou. O turismo, as vacacións, as festas e outros eventos contribúen á maior produción de refugallos, de aí a necesidade de que a cidadanía non relaxe os seus hábitos e siga preocupándose por efectuar un consumo responsable, reducir a produción de residuos e separalos correctamente por tipoloxías para garantir o seu posterior reciclado.
Logo de máis de 11 anos no cargo, Domínguez Lino mostrouse satisfeito co esforzo realizado e aproveitou a ocasión para agradecer o labor e a implicación dos traballadores, non só na xestión do día a día, senón na consecución de importantes fitos como foron a ampliación do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, cuxa capacidade pasou de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, estando preparado para tratar os residuos urbanos producidos en toda Galicia, se así fose necesario. Tamén a incorporación dunha planta que opera con tecnoloxía 4.0 e que permite recuperar, do lixo en masa, materiais potencialmente reciclables para o seu posterior envío aos centros recicladores. Así mesmo, puxo en valor o incremento do transporte de residuos por ferrocarril, que pasou do 25% en 2016 ao 55% na actualidade, priorizando desta forma un medio máis sostible e eficiente, e a posta en marcha dunha rede pública para a compostaxe da materia orgánica depositada no contedor marrón, conformada por 16 instalacións: 4 plantas de biorresiduos (Cervo, Cerceda, Vilanova de Arousa e Verín) e 13 plantas de transferencia de apoio.
Innovación, eficiencia e novas competencias
Respecto ás previsións para os próximos anos, o máximo responsable de Sogama fixo referencia ao Plan Estratéxico da compañía 2025-2030, que contempla a construción e operación da que será a primeira planta pública de España de clasificación de residuos téxtiles, a transformación dixital, tanto a nivel industrial como administrativo, e a descarbonización dos procesos. O obxectivo último é seguir gañando en eficiencia e prestar o mellor servizo público aos 304 concellos adheridos hoxe ao modelo Sogama, o 97% do total.
Enxalzou tamén o programa de educación ambiental que Sogama lidera en Galicia e ao que destina moitos recursos para avanzar na formación, concienciación e sensibilización da poboación na xestión sostible dos residuos. “Galicia conta coas infraestruturas necesarias, pero é necesario dispoñer da colaboración dos cidadáns para que realmente teñan o debido rendemento, sen esquecer que o consumo consciente e responsable constitúe o cimento do comportamento sostible”.
Saúdos, Departamento de Comunicación