
- Promovido polos Concellos de Ribadeo e Barreiros, o obxectivo do mesmo é que o alumnado desenvolva competencias en xestión de residuos, ademais de noutras áreas
- No transcurso da xornada, tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda, así coma un itinerario guiado a pé
Cerceda, a 14 de maio de 2025.- Integrantes do Obradoiro de emprego dual que, baixo a denominación “Constrúe en verde”, organizaron e promoveron conxuntamente os Concellos lucenses de Ribadeo e Barreiros, visitaron en días pasados o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para complementar a súa formación.
De feito, o obxectivo deste Obradoiro é que o alumnado desenvolva competencias en dúas especialidades: operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e limpeza en espazos abertos e industriais, mobiliario, locais e xestión de residuos urbanos e industriais.
Atendidos por educadores especializados, ademais de recibir explicacións sobre a operativa desta empresa pública, que xestiona os residuos urbanos producidos por 295 municipios (máis de 2,2 millóns de habitantes), os participantes tiveron a oportunidade de constatar, a través dun itinerario virtual para que o que foron equipados con lentes inmersivas, o tratamento que reciben os refugallos para ser convertidos en recursos: reciclado no caso daqueles que reúnan os requisitos para ser transformados en novas materias primas e reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida, e valorización enerxética para a parte non reciclable, evitando desta forma o seu depósito en vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde das persoas.
Este percorrido inmersivo, a través do cal o grupo puido visualizar espazos inaccesibles fisicamente por motivos de seguridade, proseguiu cun itinerario guiado a pé polas distintas plantas que conforman o Complexo cercedense.
A xornada concluíu cun coloquio para preguntas, comentarios e observacións.
Saúdos, Departamento de Comunicación