
- Co obxectivo de afianzar coñecementos, os integrantes do grupo tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman esta infraestrutura
- O taller, de carácter dual, está liderado polo Concello de Val do Dubra, en colaboración cos da Baña, Negreira e Santa Comba, e financiado pola Xunta
- Terá unha duración de 9 meses, tempo durante o cal se compatibilizará a formación coa realización de 43 actuacións de interese público nos municipios referenciados
Cerceda, a 11 de xuño de 2025.- Unha vintena de participantes no Taller de Emprego Rexenera 2024, liderado polo Concello de Val do Dubra, en colaboración cos da Baña, Negreira e Santa Comba, realizaron unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para complementar e enriquecer a súa formación na xestión sostible dos residuos urbanos.
Educadores ambientais e técnicos explicaron ao grupo o labor de Sogama, funcionalidades, infraestrutura e operativa, sen esquecer a creación de emprego, con 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos. Todos contan: desde o máis cualificado ata a de menos cualificación, porque a tarefa desempeñada por cada un resulta esencial para que cada día esta empresa pública poida xestionar e tratar entre 2 e 3 millóns de quilos de residuos.
Para afianzar coñecementos, tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual con lentes inmersivas 360º polas distintas plantas industriais que conforman o complexo cercedense e nas que os residuos reciben o tratamento axeitado conforme ás súas características, ben para ser reciclados ou ben para ser valorizados enerxticamente, cando a súa reciclaxe non é viable.
O curso, de carácter dual, está financiado pola Xunta de Galicia e terá unha duración de 9 meses (desde decembro do 2024 ata setembro ou outubro de 2025), período durante o cal o alumnado será instruído na limpeza de espazos abertos e instalacións industriais, así como en operacións auxiliares de revestimentos industriais, á vez que realizará un total de 43 actuacións de interese público nos catro concellos referenciados.
Na selección dos participantes priorizáronse ás persoas con maior dificultade de inserción. É o caso dos maiores de 45 anos, desempregados de longa duración, persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero, beneficiarias da renda básica de Galicia, así como aquelas que xa tiveran solicitado outros programas formativos (obradoiros de emprego, xuvenil, etc).
Con isto, o taller quere proporcionar formación de calidade con certificado de profesionalidade, ao mesmo tempo que se realiza un traballo útil para a comunidade. Tamén está entre os seus obxectivos facilitar a inserción laboral directa ou impulsar proxectos de autoemprego, especialmente en sectores con demanda de persoal cualificado.
Saúdos, Departamento de Comunicación