
- A alta participación e interese dos integrantes do grupo foi a tónica dominante durante toda a xornada, xunto coas numerosas consultas sobre o contedor de destino de determinados residuos, xa que unha das súas preocupacións é precisamente contribuír á reciclaxe
Cerceda, a 2 de xullo de 2025.- Preto de 40 traballadores/as do almacén de Zara Loxística, con sede en Arteixo (A Coruña), visitaron en días pasados o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para complementar e perfeccionar os seus coñecementos na xestión sostible de residuos.
Atendidos por técnicos, informáronse sobre o labor industrial da empresa pública, encargada de xestionar e tratar os refugallos urbanos producidos por 295 concellos galegos a través dun sistema que prioriza a aplicación da estratexia europea dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable, evitando o seu depósito en vertedoiro, a opción máis perniciosa para o medio ambiente e a saúde.
Así mesmo, tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual inmersivo polas distintas instalacións que conforman o Complexo, seguindo o itinerario das dúas fraccións de residuos procesadas no mesmo: bolsa amarela, é dicir, os envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores do mesma cor, que a compañía separa por tipoloxías nunha planta de clasificación para remitir aos centros recicladores; e bolsa negra, isto é, o lixo recollido a través do contedor xenérico, do que recupera a parte reciclable que, por erro, foi introducida no contedor xenérico por parte do cidadán, acondicionando coa non reciclable un combustible CDR a partir do cal produce a enerxía suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
A alta participación dos integrantes do grupo foi a tónica dominante durante toda a xornada, xunto coas numerosas consultas sobre o contedor de destino de determinados residuos, xa que unha das súas preocupacións é precisamente contribuír á reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación