- Así o manifestou Mirta Sueiro, directora xeral desta Sociedade, no Ágora de The Experience by SFW, o foro de Sustainable Fashion Way celebrado en Madrid e no que participou o pasado luns
- Durante a súa intervención, ademais de explicar o contexto no que emerxe esta instalación, apelou a unha razón de coherencia para a súa posta en marcha e é que “Se Galicia viste a medio mundo, Galicia tamén debe ser o lugar no que nazan novas pezas recicladas e sostibles”
- Ao seu xuízo, trátase dun proxecto que o ten todo, xa que contribúe á loita contra o cambio climático, é fonte de riqueza e creará postos de traballo destinados a persoas en situación de vulnerabilidade social
Cerceda, 19 de novembro de 2026.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, participou o pasado luns no Ágora de The Experience by SFW, o foro de Sustainable Fashion Way celebrado en Madrid, e fíxoo na conversa “Do armario á fibra”, que moderou a xornalista especializada en sosbilidade, Ana Santos, e onde compartiu mesa co director xeral de Re-Viste, Juan Ramón Meléndez.
Durante o faladoiro, a directiva de Sogama expuxo o marco no que se decidiu construír e xestionar a que será a primeira planta pública de selección de residuos téxtiles en España, e que non foi outro que poñer ao dispor dos concellos unha infraestrutura de tratamento de residuos para axudalos a cumprir os mandatos legais, en clara alusión á obrigatoriedade, tal e como se contempla na lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, de recoller por separado os téxtiles para darlles a xestión correcta.
Proxecto “coherente” e 100% sostible
Non obstante, e máis aló da lexislación e necesaria colaboración con outros sectores, Sueiro Costoya apelou a unha razón de coherencia para a posta en marcha deste proxecto, e é que “Se Galicia viste a medio mundo, Galicia tamén debe ser o lugar no que nazan novas pezas recicladas e sostibles”
No transcurso da súa alocución, recoñeceu que a decisión de construír unha planta destas características non estivo exenta de riscos e incertezas, pero “a única certeza que tiñamos era que non se podía esperar e non nos podiamos permitir o luxo de chegar tarde”, apostillou.
Cun investimento para a obra de aproximadamente 16 millóns de euros (12,1 millóns procedentes de fondos europeos), a planta, con capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais, ampliables a 24.000, levantouse nun tempo récord, “e isto malia as condicións climatolóxicas adversas e a presión que supón o cumprimento dos prazos esixidos pola contratación pública”. Detrás desta iniciativa, tal e como manifestou a directora eral de Sogama “hai valentía, capacidade de decisión e moito esforzo”.
Ao seu xuízo, “é un proxecto que o ten todo”, xa que contribúe á loita contra o cambio climático, é fonte de riqueza e creará postos de traballo que serán ocupados, con carácter preferente, por persoas en situación de vulnerabilidade social. É dicir, será, por riba de todo, “unha oportunidade de reconstrución persoal e profesional para aqueles que máis o necesitan”.
Mirta Sueiro móstrase convencida de que esta planta pode ser un espello para outros territorios e vén consolidar a firme aposta que o goberno da Xunta fixo pola moda circular como un dos acenos de identidade de Galicia. “A moda pode e debe ser sostible, e ser sostible comeza por limitar o consumo desmedido e continúa coa recuperación de materiais, e é precisamente aquí onde está o labor de Sogama”, concluíu.
Saúdos, Departamento de Comunicación