- Dado que este recipiente foi o último en incorporarse ás rúas, o obxectivo é abordar os pormenores do mesmo e poñer de relevo a importancia da súa correcta utilización
- Con esta plataforma en liña, orientada ao alumnado de infantil, primaria e secundaria, así como a país, nais e docentes, Sogama pretende reforzar a aprendizaxe das distintas materias de estudo no currículo académico, pero desde unha perspectiva ambiental
- Ata o pasado curso, Caderno Verde recibiu máis de 340.000 visitas, cun balance de case 2.000.000 de páxinas vistas, consolidándose como un dos recursos didácticos desta empresa pública de maior proxección na educación ambiental
Cerceda, 22 de setembro de 2026.- O contedor marrón protagoniza a primeira unidade didáctica da nova edición do programa “Caderno Verde”, unha plataforma educativa en liña, orientada ao alumnado de infantil, primaria e secundaria, así como a país, nais e docentes, a través da cal se fomenta a aprendizaxe das distintas materias de estudo no currículo académico, pero desde unha perspectiva ambiental.
Dado que o contedor marrón foi o último en incorporarse ás rúas e aínda se atopa en proceso de implantación, o obxectivo de abordar os pormenores do mesmo (funcionamento, residuos a depositar, compostaxe da materia orgánica, vantaxes, etc) na estrea da nova tempada de www.cadernoverde.gal, é precisamente poñer de relevo a importancia da súa correcta utilización para garantir que os restos orgánicos xerados nos fogares sexan sometidos a un proceso de compostaxe, obtendo a partir do mesmo un abono natural de alta calidade con posteriores usos no sector da agricultura e a xardinería. Con isto, non só se logrará unha xestión máis sostible desta fracción de residuos, senón que se contribuirá ao cumprimento dos obxectivos europeos en materia de reciclaxe e mellorarase a recollida selectiva no seu conxunto.
Se ben a correcta xestión dos residuos urbanos constitúe a temática central sobre a que vira Caderno Verde, a plataforma tamén aborda outras áreas de especial interese tales como a fauna, a flora, a biodiversidade, o cambio climático e as enerxías renovables.
A través de fichas didácticas interactivas e a realización de divertidas probas de coñecemento, os escolares teñen a oportunidade de interiorizar e reforzar contidos propios das disciplinas obxecto de estudo (inglés, matemáticas, lingua, física, química, etc), pero dunha forma máis distendida e amena, á vez que crean e afianzan hábitos e comportamentos diarios orientados a protexer a contorna desde o fogar, a escola e o tempo de lecer.
Recurso consolidado e en ascenso
Ata o pasado curso, Caderno Verde recibiu máis de 340.000 visitas, cun balance de case 2.000.000 de páxinas vistas, consolidándose como un dos recursos didácticos de Sogama de maior proxección na educación ambiental.
Saúdos, Departamento de Comunicación