- Orientada a escolares de infantil, primaria e secundaria, así como a docentes, pais e nais, acumula preto de 338.000 visitas e 1.800.000 páxinas vistas
- O seu enfoque é traballar os contidos das distintas materias obxecto de estudo no currículo académico, pero desde unha perspectiva ambiental na que a xestión dos residuos cobra especial protagonismo
Cerceda, 23 de abril de 2026.- Con preto de 338.000 visitas e 1.800.000 de páxinas visitas, a plataforma en liña de Sogama www.cadernoverde.gal, posiciónase como un dos recursos didácticos da Sociedade con maior impacto e proxección na educación ambiental de pequenos e mozos.
Orientada a escolares de infantil, primaria e secundaria, así como a docentes, pais e nais, Caderno Verde aborda as distintas disciplinas obxecto de estudo no currículo académico, pero desde unha dimensión ambiental, servindo para que os estudantes poidan perfeccionar os seus coñecementos en distintas materias, á vez que aprenden a coidar a contorna a través das boas prácticas.
Se ben a xestión sostible dos residuos constitúe a temática estrela, o certo é que a plataforma traballa tamén noutras áreas tales coma o cambio climático, as enerxías renovables, a biodiversidade, a fauna e a natureza,.
A través de unidades didácticas interactivas adaptadas aos distintos niveis educativos e asignaturas (inglés, matemáticas, lingua castelá, lingua galega, coñecemento do medio, bioloxía, xeografía e historia, física, química etc), propíciase que o alumnado reforce a súa aprendizaxe e que, ademais, poña a proba o apreso a través de actividades estratexicamente deseñadas, á vez que interioriza a protección do medio ambiente como un hábito diario que debe levar a cabo na escola, o fogar, contorna social e tempo de lecer.
Para facer máis ameno todo o proceso, as fichas propostas están protagonizadas por personaxes creadas para este fin, con gustos similares aos pequenos e adolescentes de hoxe, e que, coas súas accións e responsabilidades, poden ser todo un exemplo a seguir.
Saúdos, Departamento de Comunicación