- A Axencia Europea de Medio Ambiente estima que factores ambientais clave causan alomenos o 18 % das mortes cardiovasculares
 - É o caso da contaminación atmosférica, as temperaturas extremas e os fenómenos meteorolóxicos extremos, o ruído do transporte e a exposición a substancias químicas tóxicas
 
Cerceda, 3 de novembro de 2025.- As enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte na Unión Europea: máis de 1,7 millóns de persoas faleceron por mor delas en 2022, o que representa un terzo do total de falecementos ese ano. Segundo un informe da AEMA “Prevención das enfermidades cardiovasculares mediante unha contorna saudable”, publicado hoxe mesmo, estímase que factores ambientais clave causan alomenos o 18 % destas mortes, coa particularidade de que cada ano diagnostícanse máis de 6 millóns de novos casos de enfermidades cardiovasculares, cun custo para Europa de aproximadamente 282.000 millóns de euros.
Se ben factores individuais como a xenética e a idade avanzada, son máis difíciles de modificar, outros, coma os ambientais e os conductuais, poden abordarse mediante políticas específicas que xa están a demostrar a súa eficacia. De feito, a Unión atópase en vías de cumprir o obxectivo do plan de acción de contaminación cero, que consiste en reducir as mortes prematuras atribuíbles á contaminación atmosférica en máis dun 55 % para 2030, en comparación con 2005.
O plan da Comisión Europea para a saúde cardiovascular na UE —actualmente en desenvolvemento— ofrece unha oportunidade para integrar mellor os factores ambientais da saúde nas políticas.
Os principais factores ambientais que contribúen ás mortes por enfermidades cardiovasculares son a contaminación atmosférica, as temperaturas extremas e os fenómenos meteorolóxicos extremos, o ruído do transporte e a exposición a substancias químicas tóxicas (incluídos metais pesados e disruptores endocrinos).
Os factores de risco cardiovascular ambientais poden reducirse aínda máis mediante intervencións tales como:
- Reducir o ruído do transporte.
 - Cumprir as regulacións químicas, eliminar progresivamente as substancias cardiotóxicas e promover alternativas máis seguras ás mesmas.
 - Preparar os sistemas de saúde para os impactos climáticos na saúde cardiovascular a través de protocolos de alerta temperá, campañas e apoio específico para grupos vulnerables.
 - Facilitar a participación do persoal sanitario aumentando a dispoñibilidade de contidos ambientais nos plans de estudo de medicina e enfermería.
 - Promover o enfoque dunha Soa Saúde: protexer a saúde humana, animal e dos ecosistemas de forma conxunta xera beneficios máis amplos para todos.
 - Aumentar a concienciación e a educación pública sobre os riscos cardiovasculares derivados de factores de estrés ambiental e impulsar cambios no estilo de vida.
 - Adoptar solucións baseadas na natureza: a creación de espazos verdes urbanos, parques, corredores verdes e espazos azuis reducen o risco cardiovascular ao mellorar a calidade do aire, diminuír a contaminación acústica e fomentar a actividade física.
 
Fonte e imaxe: AEMA