- Liderado por Sogama, este proxecto de cooperación transfronteiriza, do que tamén forman parte a UDC, Lipor e a UBI, ten por obxecto avanzar na innovación e a transformación da xestión de residuos a través de tecnoloxías intelixentes que permitan mellorar a clasificación de envases
- Durante a xornada, introducida pola directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, e o Xefe de División de Loxística e Infraestrutura de Lipor, Alexandre Ventura, púxose de relevo o papel da dixitalización, a intelixencia artificial e o uso intelixente de datos como ferramentas esenciais para avanzar cara a unha xestión de residuos máis eficiente, sostible e preparada para enfrontar os desafíos futuros
Cerceda, 14 de xullo de 2026.- Preto de 80 representantes de entidades de xestión de residuos, universidades, empresas tecnolóxicas, así como profesionais do sector, déronse cita no webinar que, baixo o título Aplicación de tecnoloxías intelixentes de dixitalización na clasificación de residuos – Leccións apresas", organizou o proxecto de cooperación transfronteiriza Gresint, que lidera Sogama e no que participa, por parte de Galicia, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), e, por parte de Portugal, a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI).
O evento, introducido pola directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, e polo Xefe da División de Loxística e Infraestrutura de Lipor, Alexandre Ventura, os cales destacaron a importancia da cooperación entre os axentes implicados na xestión de residuos para acelerar a innovación no sector e responder aos retos da transición dixital e a economía circular, propiciou o intercambio de coñecementos e experiencias entre os presentes, así como o debate ao redor da aplicación de tecnoloxías intelixentes na clasificación de residuos de envases.
Intervencións
Logo da sesión de apertura, o primeiro panel centrouse nos pormenores do proxecto Gresint, e onde os profesores e investigadores da UDC, Carlos Vázquez Regueiro e Miguel A. Rodríguez Luaces, deron a coñecer os principais resultados alcanzados a día de hoxe, así coma os retos enfrontados e as leccións apresas, destacando o potencial das tecnoloxías intelixentes para mellorar os procesos de clasificación de residuos e crear solucións máis eficientes para o sector.
O segundo panel, que xirou ao redor da calidade e a gobernanza dos datos, contou coa intervención do director executivo de DQTeam, Fernando Gualo, quen subliñou que a calidade da información é crucial para garantir resultados fiables, potenciar o uso da intelixencia artificial e apoiar a toma de decisións informadas nas organizacións.
Pola súa banda, Tiago Santos, de Greyparrot, foi o encargado de explicar a aplicación práctica da intelixencia artificial na operativa de Lipor e como esta xa constitúe un apoio fundamental á caracterización de residuos, permitindo a transformación de grandes volumes de datos en coñecemento útil e os seus beneficios na mellora dos procesos de xestión.
Finalmente, Eva Gestoso Fernández, de Inovalabs Dixital, abordou a vixilancia intelixente de motores para unha operación máis eficiente, destacando a contribución das tecnoloxías dixitais para aumentar a eficiencia, reducir custos e mellorar o rendemento da infraestrutura.
Ao longo de todo o encontro púxose de relevo que a dixitalización, a intelixencia artificial e o uso intelixente de datos constitúen ferramentas esenciais para avanzar cara a unha xestión de residuos máis eficiente, sostible e preparada para enfrontar os desafíos futuros, á vez que se reforzou a importancia crucial da colaboración entre todos os actores.
O proxecto GRESINT está financiado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Saúdos, Departamento de Comunicación