- Asistiron o pasado 19 de novembro a un curso presencial impartido por técnicos de Sogama no que se lles explicou a operativa a levar a cabo e como obter un abono de alta calidade
- Coa nova partida de composteiros achegada por Sogama, xa son 135 as familias do Concello de Outes que participan no programa de autoxestión da materia orgánica
Cerceda, 23 de novembro de 2026.- Preto de medio cento de veciños de Outes reuníronse o pasado 19 de novembro no Náutico de Freixo para asistir a un curso de formación sobre compostaxe doméstica impartido por técnicos de Sogama, e que foi aproveitado para repartir os composteiros subministrados por esta empresa pública.
Con esta nova partida, xa son 135 as familias do municipio que participan no programa promovido pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, cuxo obxecto é tratar en orixe a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural que achega nutrientes ao solo, á vez que o preserva fronte a pragas e enfermidades.
Aínda que, xunto co composteiro, cada veciño recibiu un manual didáctico de apoio no que se explica a técnica de forma pormenorizada, o ente local considerou necesaria a formación presencial na que persoal de Sogama explicou a operativa, incidindo na correcta localización do recipiente, que debe situarse nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra, a relación de residuos que deben, e non deben, introducirse no composteiro, e o control de parámetros que serán determinantes no resultado final para garantir un compost de alta calidade. É o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
A medida que transcorreu a charla, os veciños animáronse a consultar dúbidas tales como se pode evitar a presenza de roedores no composteiro e cal é a malla máis axeitada para isto, durante canto tempo se pode conservar o compost, se se pode utilizar cartón como material seco, etc.
Os técnicos tamén destacaron a importancia da recollida selectiva no seu conxunto, lembrando os materiais a depositar en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas para garantir o seu posterior reciclado, e incidindo en que, canto mellor se faga a separación dos residuos nos fogares, menor cantidade acabará na bolsa negra, permitindo ao Concello aforrar custos.
Saúdos, Departamento de Comunicación