- Artigo do presidente de Sogama, Javier Domínguez, con motivo do Día Mundial da Educación Ambiental
Cerceda, 26 de xaneiro de 2026.- Sempre digo que, ademais da xestión e tratamento sostible dos residuos urbanos na meirande parte do territorio galego, Sogama ten outro gran cometido que é a educación ambiental. Un labor que nunca chega ao seu fin e que se renova de forma permanente para dar resposta ás demandas de cada xeración e ás cada vez maiores necesidades de protexer un planeta que esixe comportamentos respectuosos e conscientes por parte de todos os que o habitamos.
As campañas de formación, concienciación e sensibilización van cambiando e evolucionando para chegar, a través de distintas canles, a públicos moi diversos. Un obxectivo, xa complexo de seu, que se acrecenta pola fenda dixital interxeracional e que nos esixe un esforzo maior para responder de forma efectiva aos retos que actualmente formula o cambio climático.
Sesións formativas externas, programa de visitas guiadas ás nosas instalacións, accións de divulgación, proxectos educativos en centros escolares, cursos en liña e presenciais, concursos e programas radiofónicos son, entre outras moitas, algunhas das iniciativas nas que, ano tras ano, vimos traballando desde Sogama para transmitir á poboación cal é a problemática inherente á elevada produción de residuos, por que debemos mudar os nosos hábitos e comportamentos, que temos que facer no noso día a día e como Sogama, Concellos e cidadáns podemos traballar de forma conxunta e colaborar máis estreitamente para que o mundo no que nos tocou vivir sexa bo compañeiro de viaxe.
Hoxe, máis que nunca, é necesario comprender e interiorizar a total interconexión entre as nosas decisións e a saúde dun planeta que sofre as nefastas consecuencias dun consumo insostible e irracional que está a desposuír á terra dos seus escasos e limitados recursos naturais.
Non podemos seguir incrementando a débeda cun medio ambiente que soporta incalculables presións humanas. A máxima de previr mellor que curar cobra, no Día Mundial da Educación Ambiental, todo o seu sentido. Porque o medio ambiente é patrimonio da humanidade e, en definitiva, un préstamo que herdamos e un legado de incalculable valor universal que deixaremos aos nosos fillos.
Presidente
Javier Domínguez Lino