- Segundo o avance do INE, os fogares españois soportaron o ano pasado o 40,3% do total de impostos ambientais, con 10.813 M€, un 9% máis que no exercicio anterior
Cerceda, 20 de novembro de 2025.- Segundo datos de Instituto Nacional de Estatística (INE), os impostos ambientais recadados en España ascenderon a 26.830 millóns de euros en 2024. A cifra supón un incremento do 8,9% respecto do ano anterior e eleva ao 7% o peso destes tributos sobre o total de ingresos impositivos do país, unha décima máis que en 2023.
Os impostos ambientais divídense en tres grandes categorías: enerxía, transporte, e contaminación e recursos. En 2024, os impostos ligados á enerxía representaron o 79,5% do total, con 21.316 millóns de euros, o que supón un crecemento do 10% interanual. Pola súa banda, os impostos sobre o transporte alcanzaron 3.223 millóns (+3,7%), mentres que os relacionados coa contaminación e o uso de recursos sumaron 2.291 millóns, un 6,2% máis que en 2023.
Segundo o INE, os fogares españois soportaron en 2024 o 40,3% do total de impostos ambientais, con 10.813 millóns de euros, un 9% máis que no exercicio anterior. En concreto, as familias abonaron o 72,4% dos impostos vinculados ao transporte e o 39,7% dos asociados á enerxía.
O resto, un 59,7%, correspondeu a ramas de actividade económica, que asumiron practicamente a totalidade dos impostos por contaminación e recursos (99%) e algo máis do 60% dos impostos enerxéticos.
Entre os sectores produtivos, a industria manufactureira foi a que realizou a maior achega, con 5.401 millóns de euros (20,1% do total), seguida polo sector de subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e auga, con 4.062 millóns (15,1%).
Pola contra, os sectores que menos contribuíron foron as industrias extractivas (0,5%) e agricultura, gandería, selvicultura e pesca (1%), aínda que incrementaron a súa achega respecto do ano anterior.
Fonte: INE