- Creceu en 22 Estados membro e diminuíu en 5 (Suecia, Eslovaquia, Finlandia, Grecia e Bulgaria)
- Os impostos sobre a enerxía continuaron a ser a principal fonte de ingresos ambientais na UE
Cerceda, 27 de xullo de 2026.-A recadación por impostos ambientais na Unión Europea alcanzou os 371.900 millóns de euros en 2024, un 6,1% máis que o ano anterior, cando se situou en 350.400 millóns. Malia este incremento en termos absolutos, a importancia relativa destes ingresos respecto do conxunto da economía e da recadación pública continuou reducíndose, segundo datos publicados por Eurostat.
Entre 2014 e 2024, a proporción dos impostos ambientais sobre o PIB da UE descendeu do 2,5% ao 2,1%. Do mesmo xeito, o seu peso sobre o total dos ingresos públicos procedentes de impostos e cotizacións sociais pasou do 6,1% ao 5,1% durante ese mesmo período.
Os impostos sobre a enerxía continuaron a ser a principal fonte de ingresos ambientais na UE, xerando 287.000 millóns de euros, fronte aos 269.300 millóns rexistrados en 2023.
Pola súa banda, os impostos sobre o transporte achegaron 67.000 millóns de euros, fronte aos 64.000 millóns do exercicio anterior. Os impostos sobre a contaminación e os recursos alcanzaron os 17.900 millóns de euros, lixeiramente por riba dos 17.200 millóns contabilizados en 2023.
A recadación por impostos ambientais creceu en 22 Estados membro durante 2024. Romanía rexistrou o maior incremento, cun 21,7%, seguida de Lituania, cun 13,9%, e Hungría, cun 12,2%. Polonia tamén se situou entre os países con maiores aumentos, cun crecemento superior ao 11%.
Pola contra, os ingresos por este tipo de impostos diminuíron en cinco países: Suecia (-17,7%), Eslovaquia (-6,1%), Finlandia (-3,8%), Grecia (-3,7%) e Bulgaria (-2,3%).
Fonte: Eurostat