
- Así o expresou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, nunha mesa coloquio enmarcada na Semana da Economía Circular celebrada en Murcia e na que participou virtualmente invitado por AEMA.
- Reivindicou a aplicación da xestión xerarquizada de residuos establecida pola UE, así como o papel que lle corresponde á valorización enerxética da fracción non reciclable, debendo situarse antes do vertido por constituír este unha seria ameaza para o medio ambiente e a saúde.
- Recordou que os países europeos que máis reciclan, son precisamente os que máis valorizan enerxeticamente e os que menos verten.
Cerceda, a 11 de novembro de 2020.- Invitado por AEMA (Asociación de Empresas de Medio Ambiente da Rexión de Murcia), o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou hoxe, vía dixital, na Semana da Economía Circular celebrada en Murcia. Concretamente fíxoo na mesa coloquio “Economía circular e valoración enerxética no marco do Pacto Verde”, xunto con Vicente Galván López, Director Xeral de Economía Circular na Consellería de Medio Ambiente da Comunidade de Madrid; Rafael Guinea, presidente de Aeversu; e Francisco Marín, Director Xeral de Medio Ambiente da Rexión de Murcia.
VALORIZACIÓN ENERXÉTICA ANTES QUE VERTIDO
No transcurso da súa intervención, o máximo responsable de Sogama reivindicou o papel que lle corresponde á valorización enerxética da fracción non reciclable, complementando o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e situándose antes do vertido por constituír este unha seria ameaza para o medio ambiente e a saúde.
Neste sentido, referiuse á xerarquía de xestión de residuos establecida pola Unión Europea como a folla de ruta a seguir, tendo establecido o Parlamento Europeo que os Estados membros cheguen ao vertido técnico cero (10%) en 2035; un obxectivo que, en breve, alcanzará Sogama tras ampliar a capacidade do seu Complexo Medioambiental de Cerceda cunha nova instalación para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa (ata 11 tipoloxías) e a remodelación da anterior planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. “Pasamos de tratar 550.000 toneladas de residuos anuais a 1.000.000, e estamos en condicións de levar a vertedoiro, única e exclusivamente, aquela fracción que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente”.
GALICIA, EXEMPLO A SEGUIR
Non en van, Galicia conta cunhas taxas de depósito en vertedoiro moi inferiores á media española, situada no 51% aproximadamente, coa particularidade de que o vertido directo en Sogama limitouse o ano pasado ao 4%.
Domínguez Lino referiuse á xa gran preocupación da Xunta nos anos 90, cando se diagnosticaron na comunidade galega máis de 300 vertedoiros municipais que non cumprían as mínimas condicións de seguridade e control, apostando entón, en base ás recomendacións dun comité científico, pola posta en marcha do modelo Sogama para que os refugallos xerados pola meirande parte dos concellos (295 están adscritos a este sistema; é dicir, o 94%), recibisen o mellor tratamento posible, coas mellores tecnoloxías dispoñibles e os mellores sistemas de control ambiental.
O máximo responsable de Sogama lamentou que en España aínda siga en vigor o debate en torno á valorización enerxética, cando nos países do norte de Europa foi superado con creces, e, o que é peor, que aínda se intente contrapoñer a reciclaxe e a valorización enerxética da parte non reciclable, cando son procesos complementarios que, ademais, loitan contra un inimigo común: o vertedoiro.
Recordou que os países europeos que máis reciclan, son precisamente os que máis valorizan enerxeticamente e os que meno sverten, entre un 1 e un 4%, e apuntou que a valorización enerxética, ademais de ser un tratamento seguro, permite a obtención de electricidade e calor a partir dos residuos que non se poden reciclar, dous importantes bens na sociedade actual. Resulta evidente que “non nos podemos permitir o luxo de enterrar recursos e enerxía”, sentenciou.
Saúdos, Departamento de Comunicación