- Así o evidencian os resultados das caracterizacións realizadas nos contedores de recollida selectiva subministrados por esta empresa pública, rexistrándose unha baixa porcentaxe de impropios en todos eles e, moi especialmente, no marrón (para materia orgánica) e amarelo (para envases lixeiros)
- Unha vez máis, acredítase o elevado compromiso dos centros educativos coas boas prácticas ambientais en xeral e a reciclaxe en particular
Cerceda, 27 de maio de 2026.- Malia ser o de máis recente incorporación aos concellos, a correcta separación da materia orgánica depositada nos contedores marróns evoluciona favorablemente. Alomenos así se constatou na meirande parte dos centros escolares de infantil, primaria e educación especial que este curso académico participan no programa Recíclate con Sogama.
Os resultados das caracterizacións realizadas nos contedores (amarelo, azul, xenérico e marrón) que conforman as illas de reciclaxe subministradas por esta empresa pública evidencian unha baixa porcentaxe de impropios no marrón. Similar situación se deu no caso do contedor amarelo que, se ben nos últimos anos era o que suscitaba máis dúbidas, o certo é que, durante esta edición 2025-2026, o nivel de impropios baixou substancialmente respecto das anteriores, detectándose unicamente algún residuo plástico non catalogado como envase ou envoltorio (luvas, globos, etc).
Respecto do contedor azul, para papel e cartón, os impropios máis frecuentes foron os briks que, a pesar de ter unha capa de cartón, tamén contan cunha de plástico e outra de aluminio, debendo ser depositados nos contedores amarelos.
En termos xerais, os resultados das mostraxes son moi alentadores, xa que veñen acreditar o elevado compromiso dos centros educativos coas boas prácticas ambientais en xeral e a reciclaxe en particular, sendo quen de levar á práctica o apreso a través das sesións formativas impartidas polos técnicos de Sogama e os materiais didácticos e divulgativos dispensados por esta Sociedade. Igualmente, as visitas de seguimento realizadas aos centros participantes propiciaron que se correxisen erros e se reorientaran determinados proxectos.
Máis aló de instaurar a recollida selectiva nas aulas, o programa Recíclate con Sogama constitúe unha magnífica oportunidade para trasladar os hábitos de reciclaxe adquiridos na escola á contorna familiar e social do alumnado, pudendo este exercer un importante labor pedagóxico na xestión sostible dos residuos.
As caracterizacións executáronse na última visita de seguimento aos 25 centros participantes das catro provincias galegas nesta iniciativa durante a actual edición. Agora só resta que presenten as súas memorias e traballos a través da aplicación informática do Plan Proxecta para que sexan avaliadas pola Consellería de Educación e Sogama.
Saúdos, Departamento de Comunicación