- A organización europea expón seis acciones prioritarias para mellorar a recollida e a reciclaxe dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos, e reforzar a competitividade do sector ante a próxima revisión normativa
Cerceda, 16 de febreiro de 2026.-Nun contexto marcado polo crecemento sostido dos residuos eléctricos e electrónicos e por unhas taxas de recollida e reciclaxe aínda insuficientes, os RAEE seguen representando un dos principais desafíos da economía circular en Europa. Ante esta situación, Recycling Europe presentou unha nova folla de roteiro na que reclama reformas estruturais para evitar a perda de materiais valiosos e consolidar un sector de reciclaxe competitivo e aliñaaa cos obxectivos comunitarios.
Malia os beneficios da reciclaxe de residuos electrónicos en termos de protección do clima e conservación de recursos, actualmente só se declara reciclado ao redor do 40% dos RAEE, mentres que as taxas de reciclaxe de plásticos apenas alcanzan o 20%. A isto súmase que os niveis de recollida continúan moi por baixo do obxectivo comunitario do 65%, o que limita a recuperación de materias primas secundarias e debilita o desenvolvemento da economía circular na UE.
A organización identifica, ademais, unha serie de obstáculos que condicionan a eficacia da reciclaxe de RAEE, entre eles a baixa demanda de materiais reciclados, a lenta aplicación dos requisitos de ecodeseño, os riscos de seguridade e as incertezas financeiras asociadas ás baterías de litio. A estas dificultades súmanse barreiras regulatorias e comerciais que seguen entorpecendo un funcionamento eficiente do mercado único no ámbito dos residuos electrónicos.
Seis acciones prioritarias para mellorar a xestión dos RAEE
Fronte a este escenario, a folla de roteiro de Recycling Europe define seis accións prioritarias orientadas a reforzar a xestión e a reciclaxe de RAEE en Europa. Entre elas figuran a mellora da recollida selectiva, a facilitación dun comercio intracomunitario libre e xusto, o reforzo do deseño ecolóxico e do Pasaporte Dixital de Produtos, a eliminación de barreiras regulatorias e de mercado, o establecemento de sistemas eficaces e transparentes de Responsabilidade Ampliada do Produtor, e a necesidade de asegurar a viabilidade futura do sector da reciclaxe.
Chamamento a unha acción política coordinada
Segundo María Vera Durán, directora de Políticas de Recycling Europe, “Europa está a perder materiais valiosos debido á deficiente recollida de residuos electrónicos e á debilidade dos mercados”, unha situación que, ao seu xuízo, esixe unha acción política urxente para lograr un sector de residuos electrónicos competitivo, seguro e verdadeiramente circular.
Desde a organización ínstase ás institucións europeas e aos Estados membros a aproveitar a próxima revisión da Directiva RAEE, a Lei de Economía Circular e a normativa asociada para crear un marco que permita reforzar a reciclaxe de residuos electrónicos e consolidar un sector aliñado cos principios da circularidade.
Fonte: Recycling Europe