
- O Goberno local amplía o seu programa de autocompostaxe cun dobre obxectivo: pechar in situ o propio ciclo da natureza, cos conseguintes beneficios ambientais, e aforrar custos económicos
Cerceda, 23 de outubro de 2025.- Sogama subministrou ao Concello de Salceda de Caselas (Pontevedra) 30 novos composteiros que, sumados a partidas anteriores, fan un total de 195, posibilitando desta forma que outras tantas vivendas unifamiliares con terreo poidan autoxestionar os seus residuos orgánicos.
O obxectivo do ente local é dobre: por unha banda, que as familias recuperen in situ esta fracción de residuos en forma de abono para aplicar nas súas hortas, xardíns ou terras de cultivo como emenda orgánica, pechando o propio ciclo da natureza, coas conseguintes vantaxes ambientais. Por outro, diminuír a cantidade de residuos que entregan a Sogama a través do contedor xenérico, circunstancia que traería consigo importantes beneficios económicos, reducindo custos na recollida, xestión e posterior tratamento en planta industrial.
Co fin de que os veciños participantes coñezan a técnica e poidan obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente, recibirán un manual didáctico no que se describe a operativa desde a propia montaxe do composteiro e localización idónea para o mesmo (nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores) ata a relación dos materiais que poden, e non poden, introducirse neste recipiente, así coma o necesario control e seguimento de parámetros que influirán no resultando final, como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Se ben non é estritamente necesario dispoñer de composteiro para autoxestionar a materia orgánica, o certo é que achega maior comodidade, hixiene e eficiencia ao proceso, optando a meirande parte da veciñanza por esta modalidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación