- Sogama remitiu ao Concello un novo lote de composteiros, así como de manuais didácticos, e impartirá unha nova formación presencial aos veciños de recente incorporación a este programa, que constitúe un claro exemplo de economía circular
Cerceda, 11 de novembro de 2026.- Sogama remitiu un novo lote de composteiros ao Concello de Paderne (A Coruña) co fin de satisfacer as demandas de 25 novas familias interesadas en participar no programa local de autocompostaxe. Desta forma, xa son 165 as vivendas do municipio adscritas a esta iniciativa, orientada a previr e reducir a xeración de residuos en orixe a través da compostaxe da materia orgánica, transformándoa nun abono natural con extraordinarios beneficios para o solo, ao que achega nutrientes, ademais de actuar como barreira protectora fronte a pragas e enfermidades.
Para sumarse a esta alternativa de xestión, con grandes vantaxes a nivel ambiental, económico e social, as vivendas adscritas deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante, que regresa á terra para propiciar unha nova vida, constituíndo todo un exemplo de economía circular.
Os veciños de recente incorporación ao programa recibirán un manual didáctico, no que se detalla a operativa a seguir e dáse resposta ás dúbidas e preguntas máis frecuentes. Non obstante, esta información complementarase e reforzarase cun novo encontro presencial no que técnicos desta compañía pública serán os encargados de explicar aos asistentes os pasos a dar e o seguimento que debe realizarse do proceso para obter un abono de alta calidade que poida ser aplicado con garantías en hortas, xardíns e terras de cultivo.
Reciclando os restos orgánicos nas propias casas, que veñen a supoñer da orde do 40% do total do lixo producido cada día, evítase o seu depósito nos contedores e, polo tanto, o seu envío á planta de Sogama, aforrando custos, tanto de transporte como de tratamento industrial.
Saúdos, Departamento de Comunicación