
- Lánzase coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e, nesta ocasión, pon o foco nos denominados “impropios”, é dicir, aqueles residuos que son depositados en orixe no contedor equivocado
- A iniciativa pretende mostrar, dunha forma visual, os erros máis comúns e faino a través dun concepto tan coñecido como o das manchas, evidenciando que separar residuos é tan sinxelo como non mesturar cores
Cerceda, a 4 de xuño de 2025.- Baixo o lema “Separa. Depende de ti”, e no marco da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente (hoxe mesmo, 5 de xuño), Sogama lanza unha campaña coa que pretende incentivar a colaboración da cidadanía na consecución de maiores cotas de reciclaxe, contribuíndo desta forma ao cumprimento dos obxectivos europeos na materia.
A iniciativa pon o foco nos “impropios”, é dicir, aqueles residuos que, por erro ou descoñecemento, son depositados en orixe no contedor equivocado, polo que, ademais de imposibilitar a súa recuperación, tamén se está a comprometer e limitando a reciclaxe dos materiais correctamente depositados.
Preténdese amosar, dunha forma visual, os erros máis comúns que cometemos os cidadáns e para isto emprégase un concepto tan coñecido como o das manchas, evidenciando que separar residuos é tan sinxelo como non mesturar cores, posibilitando así o seu reciclado e beneficios inherentes ao mesmo, tanto ambientais como económicos.
A través de gráficas móstranse os cinco principais contedores que atopamos nas rúas (amarelo, azul, marrón, iglú verde e xenérico), especificando os materiais que deben introducirse en cada un e, representando con manchas de cores, os residuos impropios que corresponderían a outros recipientes.
Tamén se proporciona información relevante sobre o que acontece cando clasificamos axeitadamente e cando non. No primeiro caso, os residuos convértense en recursos valiosos para a fabricación de novos produtos, redúcese a necesidade de extraer da natureza materias primas virxes, diminúe a contaminación e xéranse postos de traballo.
No segundo caso, contamínanse os refugallos correctamente separados e, polo tanto, complícase e ralentízase o proceso de recuperación, encarecéndoo, pois separar os impropios require tempo e diñeiro extra, coa particularidade de que se perden materiais que poderían transformarse en novos artigos de utilidade.
Reciclaxe, todo vantaxes
A campaña proporciona tamén datos curiosos. Por exemplo, que cada tonelada de cartón reciclado aforra o equivalente á enerxía que necesita un fogar durante seis meses; que reciclar unha botella de vidro aforra a enerxía suficiente para manter unha televisión acesa durante 20 minutos; que reciclar tres botellas aforra a enerxía que se necesita para cargar un teléfono móbil durante todo un ano; que se necesitan 500 anos para que unha botella de plástico se degrade na natureza; que co aluminio reciclado de 19.000 latas pódese fabricar un coche enteiro; e que por cada tonelada de briks reciclados pódese aforrar ata 1,5 toneladas de madeira.
Na landing da campaña https://www.sogama.gal/impropios, unha vez que o internauta “borra” co seu cursor a mancha que simula o residuo impropio, pode acceder á información de cada contedor, unha vez que borra.
Aula itinerante
“Separa. Depende de ti” tamén estará a pé de rúa, xa que unha aula itinerante atendida por monitores viaxará por distintos municipios das catro provincias e farao con información e xogos de manchas nos que poderán participar cidadáns de todas as idades, aos que se gratificará con distintas sorpresas.
Máis información en https://www.sogama.gal/gl/separa-depende-de-ti