
- Se ben, e en termos xerais, os resultados das caracterizacións realizadas nos contedores que conforman as 27 illas de reciclaxe escolares foron bos, no caso do CEIP de Présaras, o CPR Salesianos a Mercé, o CEIP Antonio Blanco Rodríguez, o CEIP Manuel Luís Acuña e o IES Río Miño, cualificáronse de excepcionais, non tendo rexistrado ningún impropio
- Cómpre lembrar que Recíclate con Sogama é un programa pedagóxico promovido e desenvolvido por esta empresa pública, e canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo instaurar nas aulas a xestión sostible dos residuos urbanos, incidindo na práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe)
Cerceda, a 24 de xullo de 2025.- Os bos resultados das caracterizacións realizadas nos contedores de recollida selectiva que conforman as illas de reciclaxe proporcionadas aos 27 centros educativos que participaron durante o curso 2024-2025 no programa “Recíclate con Sogama”, evidencian os froitos dunha aprendizaxe continua ao longo de varios meses, nutrida con sesións formativas a cargo de educadores especializados e reforzada coa dotación de material didáctico e divulgativo, así como visitas de seguimento.
Non obstante, esta empresa pública destaca especialmente o bo facer de cinco centros nos que non se detectaron impropios, é dicir, aqueles residuos que, por erro, falta de coñecemento ou de concienciación, non foron introducidos no contedor axeitado. É o caso do CEIP de Présaras (Vilasantar – A Coruña), o CPR Salesianos a Mercé (Cambados-Pontevedra), o CEIP Antonio Blanco Rodríguez (Covelo-Pontevedra), o CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense) e o IES Río Miño (Rábade-Lugo).
Cómpre lembrar que cada illa de reciclaxe escolar está conformada por catro contedores: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; marrón, para materia orgánica; e xenérico, para fracción resto. Coa incorporación dos centros a Recíclate con Sogama, a separación de residuos forma parte do día a día da comunidade educativa, pretendendo que o alumnado adquira o hábito de segregar os refugallos por tipoloxías e que, ademais, o extrapole ao seu ámbito familiar e social máis inmediato.
Sobre Recíclate con Sogama
Recíclate con Sogama é un programa educativo, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, co que se pretende instaurar nas aulas a xestión sostible dos residuos urbanos, incidindo especialmente no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Para iso, a empresa pública puxo ao dispor dos centros participantes, tanto de primaria como de secundaria, os recursos necesarios para que puidesen levar a cabo os seus proxectos, realizando igualmente visitas periódicas de seguimento co fin de prestar asesoramento e resolver dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación