- Educadores da Sociedade desprazáronse ao penal para explicar aos internos a problemática inherente á elevada produción de residuos e como facer fronte á mesma a través da prevención, a reutilización e a reciclaxe, fórmulas ao alcance de todos
Cerceda, 30 de xullo de 2026.- Educadores ao servizo de Sogama desprazáronse esta semana ao Centro Penitenciario de Bonxe, no municipio de Outeiro de Rei (Lugo), para impartir unha sesión formativa sobre xestión sostible de residuos, incidindo na prevención e a redución da súa produción, así como na reutilización e a reciclaxe, fórmulas ao alcance de todos.
A charla enmarcouse no programa terapéutico e de inserción que o penal leva a cabo, e a través do cal tamén se transmiten aos internos informacións e coñecementos sobre distintas temáticas ambientais a fin de espertar unha maior sensibilidade e concienciación, tanto individual como colectiva, na protección e coidado da contorna, prestando especial atención aos residuos que producen cada día e sobre os que teñen capacidade de xestión. É o caso da diminución do desperdicio alimentario ou a correcta separación dos distintos tipos de refugallos xerados (envases de plástico, briks, papel/cartón, materia orgánica, etc) para poñelos en valor e darlles unha nova vida.
En relación á materia orgánica, cunha xeración moi alta, esta fracción está a recollerse nas dependencias de Bonxe a través de contedores marróns para envialos a un centro de tratamento da provincia e convertelos en compost. Non obstante, tamén contan con composteiros de carácter doméstico para que unha parte dos orgánicos, xunto con restos de podas, poidan transformarse nun abono natural para plantas e cultivos.
Durante a sesión formativa, os internos mostraron máximo interese nas cuestións abordadas, xerando debate, poñendo en común as súas opinións e formulando preguntas e consultas aos monitores.
Máis aló da xestión dos residuos, o centro tamén promove charlas sobre crise climática, biodiversidade e sostibilidade global, así como talleres e visitas a entidades de xestión ambiental, posibilitando con isto que grupos de internos colaboren externamente en labores de limpeza e conservación de espazos protexidos.
Saúdos, Departamento de Comunicación