
- Liderado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, a xestión do proxecto corre a cargo da FIAP, actuando o Ministerio de Medio Ambiente de Grecia como Junior Leader
- A participación de Sogama canalízase a través do seu Xefe de Calidade e Medioambiente, Pedro Alcázar Arévalo, que conta cunha dilatada experiencia neste tipo de proxectos
- Entre as súas misións, atópanse a elaboración de plantillas para actas, así coma informes e check-lists a usar polos inspectores ambientais
Cerceda, 17 de setembro de 2025.- Sogama participa nun Proxecto europeo de irmandamento Twinning para a cooperación internacional cuxo obxecto é o fortalecemento das capacidades para o cumprimento da lexislación ambiental por parte do Servizo de Inspección Estatal do Medio Ambiente (SEI) da República de Macedonia do Norte, que é a administración beneficiaria. En concreto, a pretensión é axudar e asesorar a este país na consecución dun sistema de inspección ambiental funcional e eficiente, ademais de asistilo na implementación e cumprimento efectivos da lexislación ambiental.
Liderado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, quen exerce como Proyect Leader, a xestión do proxecto corre a cargo da Fundación para a Internacionalización das Administracións Públicas (FIAP), dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores de España, actuando o Ministerio de Medio Ambiente da República de Grecia como Junior Leader.
A participación de Sogama canalízase a través do seu Xefe de Calidade e Medioambiente , Pedro Alcázar Arévalo, que conta cunha dilatada experiencia neste tipo de proxectos, nos que vén participando de forma activa, e aos que achega o seu coñecemento e bagaxe profesional.
De feito, viaxou recentemente a Macedonia do Norte coa misión de elaborar as plantillas de actas e informes que poderán ser usados polos inspectores ambientais deste país nos labores que levan a cabo en distintas instalacións industriais. A principios do próximo mes de outubro efectuará unha segunda misión, á que seguirán, alomenos, outras catro máis o próximo ano.
Adicionalmente, prevese que representantes de Macedonia do Norte realicen unha visita de estudo a Galicia en maio de 2026, momento no que terán a oportunidade de coñecer in situ a actividade do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda.
Sobre o programa de irmandamento Twinning
Trátase dun instrumento de desenvolvemento institucional da Unión Europea a través do cal se apoian as reformas de políticas públicas nos países candidatos a incorporarse á UE, achegando coñecementos especializados do sector público dos Estados membros, acompañando o desenvolvemento de capacidades institucionais e reforzando a cooperación entre as partes.
A través destes proxectos, expertos comparten boas prácticas para colaborar no desenvolvemento do tecido institucional do país destinatario e achegalo así aos estándares europeos.
Saúdos, Departamento de Comunicación