- Do mesmo xeito que en edicións anteriores, actuará, xunto con outras entidades, como empresa tractora, achegando mentorización, coñecemento sectorial e recursos aos proxectos participantes
- A Business Factory ClimaTech é o programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos do sector ambiental de Galicia, impulsado pola Xunta e Viratec
Cerceda, 13 de xaneiro de 2026.-Business Factory (BF) ClimaTech, a aceleradora ambiental de Galicia impulsada pola Xunta e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), pechou a convocatoria da súa terceira edición con 68 candidaturas, cifra que supera amplamente as recibidas en anteriores edicións, confirmando a súa consolidación como aceleradora de referencia para proxectos con impacto ambiental positivo.
Distribución por itinerarios e temáticas abordadas
Do total de solicitudes recibidas, 18 corresponden ao itinerario de incubación, 41 ao de aceleración e 9 ao de consolidación, poñendo así de manifesto a diversidade dos proxectos presentados en canto ao seu nivel de desenvolvemento, con iniciativas en fases moi temperás convivindo con outras que xa contan con solucións validadas e con capacidade de escalar, circunstancia que, en todo caso, reforza o carácter integral da BF ClimaTech como aceleradora para todo o ciclo de vida dos proxectos.
Nesta terceira edición seleccionaranse un total de 16 startups, que pasarán a formar parte dun programa deseñado para acompañar o seu crecemento, facilitar a súa validación no mercado e reforzar a súa conexión co ecosistema empresarial, tecnolóxico e investidor do sector ambiental.
As candidaturas recibidas reflicten unha forte orientación cara á valorización de residuos e subprodutos, con solucións aplicadas a sectores coma o agroalimentario, o forestal, o industrial, o téxtil e o medio mariño, transformando excedentes, descartes ou fluxos residuais en novos materiais, ingredientes, enerxía ou produtos de maior valor engadido.
Xunto a isto, destaca o elevado número de proxectos centrados na optimización do uso de recursos crave, especialmente auga e enerxía, mediante solucións orientadas á eficiencia, a redución de consumos e emisións, e a mellora dos procesos produtivos en contornas urbanas, industriais e rurais.
Outro dos eixos máis relevantes é a dixitalización aplicada á sostibilidade, cunha ampla presenza de plataformas baseadas en intelixencia artificial, IoT, análise avanzada de datos e tecnoloxías de simulación destinadas á monitorización ambiental, a rastrexabilidade, a predición de impactos e a toma de decisións en tempo real.
Colaboración con empresas tractoras e entidades científicas
A terceira edición da BF ClimaTech contará coa colaboración activa de empresas tractoras, que achegarán mentorización, coñecemento sectorial e recursos aos proxectos participantes. É o caso de AENOR, Agroamb, BIOeCO2, Bioetanol Galicia (Vertex Bioenergy), Coregal, Emalcsa, FEUGA, Gestán Conteco, Valtalia, Viaqua e Sogama.
Ademais, o programa conta co respaldo de entidades científicas e tecnolóxicas que garanten a viabilidade e o rigor técnico das propostas: Anfaco-Cytma, Cetaqua, CETIM, ClimateKIC, CTAG, ITG, CRETUS-USC, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.
Próximos pasos
Co peche da convocatoria, iníciase agora o proceso de avaliación das candidaturas por parte da aceleradora, que realizará unha preselección dos proxectos que formarán parte desta terceira edición.
A continuación, o 11 de febreiro celebrarase o Pitch Day, evento no que os proxectos preseleccionados realizarán unha presentación tipo elevator pitch, ante as entidades promotoras da BF ClimaTech. Posteriormente, os 16 proxectos seleccionados incorporaranse ao programa, que terá unha duración de nove meses.
Fonte e imaxe: BF ClimaTech