
- O presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, asinaron o acordo esta mesma mañá, de forma telemática e a través de videoconferencia.
- O novo convenio vén a complementar o formalizado a finais de 2019, xa que, con motivo do impacto da COVID-19, non se puideron levar a cabo as actividades formativas contempladas no mesmo, tendo destinado a dotación económica á adquisición de composteiros (1.372 unidades).
- Este ano desenvolveranse os labores de publicidade, divulgación, formación e seguimento porta a porta a fin de que os veciños participantes obteñan un compost de calidade que poidan aplicar ao solo con garantías, pechando así o ciclo de reciclaxe da materia orgánica en orixe. Todo un exemplo de economía circular.
Cerceda, a 3 de febreiro de 2021.- A fin de dar continuidade ás sucesivas colaboracións entre Sogama e a Deputación de Ourense para implantar e afianzar a compostaxe doméstica nos municipios da provincia con poboación inferior a 20.000 habitantes (todos, excepto Ourense capital), ambas entidades subscribiron esta mañá un novo convenio para reforzar a autoxestión da materia orgánica en orixe e lograr con isto importantes beneficios ambientais e sociais.
De xeito telemático e a través de videconferencia, o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, foron os encargados de rubricar o acordo, que estará en vigor durante un ano, e que virá a complementar o de 2019. A razón é que este non puido materializarse en todos os seus termos debido á irrupción da COVID-19, que motivou a declaración do Estado de Alarma, polo que se paralizou a contratación das actividades formativas.
Ambas as dúas partes decidiron destinar a dotación económica do anterior convenio á adquisición de composteiros (1.372 unidades), polo que o novo cinguirase aos labores de publicidade, divulgación, edición de material didáctico, formación e seguimento da iniciativa.
TRANSITANDO CARA Á ECONOMÍA CIRCULAR
A pretensión do programa de autocompostaxe é recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Son máis de 80 os concellos da provincia que xa instauraron esta práctica da man da Deputación e Sogama, téndose repartido entre os mesmos, e de forma gratuita, máis de 2.000 composteiros. A esta cifra engadiranse agora os 1.372 da nova remesa.
Tal e como se veu facendo en anos anteriores, a distribución dos recipientes complementarase con xornadas pedagóxicas e visitas porta a porta a fin de que os usuarios desenvolvan correctamente a técnica, teñan a oportunidade de solventar as súas dúbidas e reciban o oportuno asesoramento.
O fin último é que o compost obtido cumpra con todos os requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente e poida ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións, pechando así o ciclo da recuperación e a reciclaxe da materia orgánica en orixe. Todo un exemplo de economía circular.
Unha das condicións impostas para participar neste programa é que os candidatos dispoñan de vivenda unifamiliar con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que utilizar o abono obtido, evitando o depósito da materia orgánica nos contedores verdes convencionais (cabe recordar que esta fracción representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo).
Priorizarase a adscrición daqueles concellos que, anteriormente, non tiveran formado parte de programas de autocompostaxe promovidos por Sogama, a Deputación provincial ou ben polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
A dotación orzamentaria deste convenio ascende, ao igual que os anteriores, a 60.000 euros, contribuíndo cada entidade coa achega do 50% (30.000 euros).
Saúdos, Departamento de Comunicación