- Dado que o canon único de Sogama contempla a transferencia, o transporte e o tratamento do lixo, e a Mancomunidade é titular da instalación, o acordo, cunha duración de 4 anos, contempla unha compensación económica ao ente supramunicipal de 615.500€
- Con este convenio refórzase a cooperación entre as partes, xa que se están a implantar os equipos necesarios na planta da Portela para que esta se integre no proceso de transformación dixital de Sogama
- O obxectivo é que a empresa pública leve a cabo a trazabilidade do residuo desde que entra nas súas instalacións ata que sae das mesmas convertido en recurso, poñendo a disposición dos concellos, en tempo real, todos os datos do seu interese
Bueu, 28 de xullo de 2026.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez , e a presidenta da Mancomunidade do Morrazo, Leticia Santos, renovaron esta mañá o convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades para avanzar cara a unha xestión máis circular da planta de transferencia da Portela, da que o ente supramunicipal é titular.
Tendo en conta que o canon unitario que Sogama aplica aos concellos por tonelada de bolsa negra (fracción resto) xestionada inclúe no mesmo tres conceptos, isto é, a transferencia, o transporte e o tratamento, e que a Mancomunidade asume directamente o primeiro, o acordo, que terá unha duración de 4 anos desde a súa entrada en vigor, contempla unha compensación económica ao ente supramunicipal por importe de 615.504 € (IVE incluído), estimando unha xestión de 24.200 toneladas anuais, a razón de 5,78 €/Tn.
A rede de plantas de transferencia habilitada por Sogama na comunidade galega trae consigo importantes beneficios para os entes locais, xa que evita que teñan que transportar, cos seus propios medios, os residuos ata o centro de tratamento en Cerceda (A Coruña), o que se traduce nun importante aforro, tanto económico como ambiental. Non obstante, a incorporación da planta do Morrazo á infraestrutura industrial da Sociedade pública tamén posibilitou que esta non se vira na necesidade de construír unha nova instalación nin soportar os correspondentes custos de xestión e mantemento.
Fortalecemento da cooperación en aras dun mellor servizo público
Coa sinatura deste convenio, non só se consolida a colaboración entre as partes, senón que mesmo se reforza con novas accións, xa que estase a dotar á Planta do Morrazo cos equipos técnicos e tecnolóxicos necesarios para que se integre, de facto, no plan de transformación dixital de Sogama, cuxo obxectivo é facer un seguimento da rastrexabilidade dos residuos desde que entran nas súas instalacións ata que saen das mesmas convertidos en recursos. Así mesmo, permite que os concellos poidan acceder aos datos do seu interese, en tempo real, a través do denominado Portal do Cliente, que será a canle de comunicación por excelencia entre as partes.
Deste xeito, agárdase que, no marco da Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, que promove unha maior cooperación coas entidades locais para lograr o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos e a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos, o traballo conxunto de Sogama e a Mancomunidade do Morrazo sexa máis produtivo e eficiente, e repercuta de forma positiva no servizo dispensado á veciñanza de Cangas, Bueu e Moaña.
Saúdos, Departamento de Comunicación