
- Con esta nova subministración, serán xa 200 os recipientes achegados por esta empresa pública ao ente local
- O próximo mes de maio, e a solicitude do Concello, técnicos de Sogama impartirán un novo curso de formación presencial para que os participantes poidan coñecer polo miúdo a técnica de autocompostaxe
Cerceda, a 30 de abril de 2025.- Sogama subministrou ao Concello de Covelo (Pontevedra) unha nova partida de 25 composteiros, facendo xa un total de 200 os recipientes entregados ao ente local por parte desta empresa pública, o que permitiu que a autoxestión da materia orgánica se teña consolidado noutras tantas vivendas unifamiliares, cos conseguintes beneficios ambientais e sociais.
Neste sentido, cabe indicar que a autocompostaxe permite recuperar a materia orgánica no propio fogar e pechar o ciclo da súa xestión, evitando o uso do contedor da rúa, o que trae consigo menores emisións de CO2 derivadas do transporte, así como un aforro económico do custo que traería consigo o tratamento desta fracción en planta industrial. O usuario obtén así, no seu propio domicilio, un abono natural de alta calidade que, polo xeral, cumpre con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente, podendo aplicarse en hortas e xardíns con garantías e sen restricións.
A fin de instruír aos novos participantes na operativa a seguir, o ente local solicitou a Sogama que imparta un novo curso de formación presencial, que terá lugar en maio, no que os asistentes poidan consultar dúbidas e trasladar as súas observacións. Esta formación será aproveitada para entregar manuais de compostaxe doméstica de apoio, dispoñendo os veciños dun recurso didáctico no que se explica a dinámica a seguir para obter un bo compost e dáse resposta ás preguntas e erros máis comúns.
A día de hoxe, 47 concellos da provincia de Pontevedra, ademais de 72 centros educativos e 8 colectivos sociais, están adheridos ao programa de autocompostaxe que Sogama lidera en Galicia, tendo repartido entre todos eles, e de forma gratuíta, preto de 8.300 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación