- Localizarase na Praza do Mar e estará ao dispor do público en horario de 11.00 a 14.00
- Atendido por educadores especializados en xestión de residuos e apoiado por distintos recursos tales como paneis divulgativos, xogos e vídeos, a través deste dispositivo informarase os visitantes sobre as boas prácticas vinculadas á reciclaxe
- Neste sentido, incidirase na relación de materiais a depositar en cada un dos principais contedores que se atopan nas vías públicas como xesto esencial para propiciar a súa recuperación
- Os que se acheguen ao stand de Sogama para participar nas súas actividades, serán obsequiados con diverso merchandising corporativo
Cerceda, 1 de xuño de 2026.- Do mesmo xeito que o pasado ano, Sogama, invitada polo Concello de Sanxenxo (Pontevedra), participará na II edición da Feira de Medio Ambiente, que terá lugar nesta localidade o vindeiro sábado, 6 de xuño.
Monitores especializados en xestión de residuos serán os encargados de atender o stand desta empresa pública, que se localizará na Praza do Mar e estará aberto ao público de 11.00 a 14.00 horas.
A través dunha serie de paneis informativos, xogos e vídeos, complementados coas explicacións dos educadores, os visitantes poderán informarse polo miúdo sobre os xestos e boas prácticas relativas á prevención e redución da produción de residuos en orixe, seguindo para isto as directrices do consumo consciente e responsable, e tamén sobre como alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización, baixo a máxima de que o mellor residuo é o que non se produce. Así mesmo, recibirán información sobre a correcta separación de refugallos en orixe e que depositar en cada un dos contedores de recollida selectiva, un xesto básico e esencial para propiciar o seu posterior reciclado.
Cada residuo ao seu contedor
Traballarase especialmente en clarificar a relación de residuos a introducir nos principais contedores dispostos nas rúas: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; contedor marrón, para materia orgánica, e xenérico, para fracción resto, dando unhas pinceladas sobre outros refugallos especiais como son as pilas, aceites, voluminosos, tóxicos e perigosos do fogar, etc.
Igualmente, explicarase o percorrido que seguen os refugallos desde que se recollen e transportan ás instalacións de Sogama, ata que son recuperados mediante a súa transformación en recursos e o tratamento dispensado.
Neste sentido, debe terse en conta que a materia orgánica convértese en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e con aplicacións na agricultura e xardinería; que os envases lixeiros clasifícanse por tipoloxías para o seu posterior envío aos centros recicladores a fin de que sexan convertidos en novas materias primas; e que a fracción resto é sometida a un proceso de segregación a fin de recuperar os residuos potencialmente reciclables, que se remiten á industria transformadora, e acondicionar en forma de combustible CDR os non reciclables, producindo a partir da mesmos electricidade suficiente coa abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación