- Unha aula itinerante da Sociedade, atendida por técnicos especializados, instalarase mañá, mércores, no exterior de Intercentros (de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30) para captar a atención dos estudantes e asesoralos na xestión sostible dos residuos urbanos
- Este punto informativo enmárcase na Semana Europea da Prevención de Residuos 2025, na que participa esta empresa pública coa campaña “Reinicia os teus hábitos: reduce, reutiliza e recicla!”
Cerceda, 25 de novembro de 2025.- Con motivo da campaña que Sogama activou no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos 2025 (do 22 ao 30 de novembro), e que leva por título “Reinicia os teus hábitos: Reduce, Reutiliza e Recicla!”, mañá, mércores, día 26, unha aula itinerante da compañía instalarase no Campus Universitario de Lugo, no exterior de Intercentros, en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30, para chamar a atención dos estudantes e asesoralos na xestión sostible dos residuos urbanos.
Atendida por técnicos especializados, a aula está equipada con paneis e pantallas, recursos a través dos cales se explicará aos visitantes a importancia de reducir a produción de residuos mediante un consumo consciente e responsable, así como de reutilizar os obxectos o maior número de veces posible, alongando a súa vida útil. Tamén se incidirá na necesidade crucial de separar os residuos por tipos de material e depositalos no contedor correspondente para garantir o seu posterior reciclado, contribuíndo desta forma ao aforro ambiental e económico, pois, ademais de minimizar o consumo de enerxía e de materias primas virxes, a maior achega á reciclaxe tamén trae consigo ingresos para as arcas locais.
Todos os que participen nas actividades da aula, serán obsequiados con distinto merchandising.
A Semana Europea da Prevención de Residuos, que arrincou o pasado sábado, 22 de novembro, tamén serviu de escenario para o lanzamento do jingle de Sogama https://www.youtube.com/watch?v=KU-mnIu_tEY. Focalizado nos máis novos, a través do mesmo, e a ritmo de música pop-rock, anímaselles a poñer en práctica, cada día, os tres erres da sostibiilidade (redución, reutilización e reciclaxe).
Saúdos, Departamento de Comunicación