
- Terán lugar o vindeiro sábado, 24 de abril; o primeiro, ás 10:45 h, no Centro Comarcal de Buño e, o segundo, ás 12:00, no Centro Social de Seaia.
- Estarán orientados aos veciños que participen no programa de autocompostaxe promovido polo Concello, coa colaboración de Sogama.
- Cabe lembrar que a empresa pública entregou ao ente local 40 composteiros, con capacidade para 400 litros, para repartir entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo.
Cerceda, a 21 de abril de 2021.- Trala adhesión do Concello de Malpica (A Coruña) ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama, persoal da empresa pública desprazarase a esta localidade o vindeiro sábado, 24 de abril, para impartir dous cursos de formación na autoxestión da materia orgánica.
O primeiro terá lugar, ás 10:45 horas, no Centro Comarcal de Buño e, o segundo, ás 12:00 horas, no Centro Social de Seaia. En ambos casos, as sesións formativas estarán orientadas aos veciños que, voluntariamente, participen nesta iniciativa.
Neste sentido, cabe lembrar que Sogama entregou ao ente local 40 composteiros, con capacidade para 400 litros, e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Requisito imprescindible é que as familias adscritas a esta iniciativa habiten en vivendas que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando que os Concellos diminúan a frecuencia de recollida e transporte da bolsa negra, coa conseguinte redución de emisións de CO2 á atmosfera, e minoren tamén o importe da factura a pagar a Sogama polo tratamento do residuo xenérico.
Con estes cursos de compostaxe, preténdese transmitir aos usuarios a operativa a seguir, detallando os pasos a dar para obter un compost de alta calidade que poida ser aplicado na agricultura e/ou xardinería con garantías e sen restricións.
Un técnico ao servizo de Sogama dará conta de todo o proceso: desde a ubicación idónea para o composteiro ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, e o necesario control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Así mesmo, despexará as dúbidas expostas polos asistentes e tomará boa nota dos seus comentarios e observacións.
A cita servirá tamén para abundar na necesidade de reducir a produción de residuos, de alongar a vida útil dos produtos a través da súa reutilización e de participar activamente no sistema de recollida selectiva municipal, introducindo cada material no contedor correspondente para propiciar a súa reciclaxe.
As explicacións acompañaranse coa entrega de manuais didácticos de apoio.
Os interesados poden complementar e reforzar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación