- Participaron nas mesmas un total de 80 escolares de infantil e primaria, así coma 8 docentes
- As charlas apoiáronse con diferentes recursos didácticos e divulgativos tales como presentacións, vídeos, xogos e mesmo o novo jingle desta empresa pública, co que anima a participar na xestión sostible dos residuos en distintos escenarios e desde diversos lugares
Cerceda, 27 de abril de 2026.- A solicitude da AMPA (Asociación de Nais e Padres de Alumnos), educadores de Sogama impartiron varias sesións formativas no CEIP Torre de Hércules da Coruña nas que participaron 80 escolares de infantil e primaria e 8 profesores.
Malia a súa curta idade, os pequenos coñecían perfectamente o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a importancia de aplicalo na vida diaria para promover a menor produción de lixo, para alongar a vida útil dos produtos e, unha vez convertidos en residuos, para transformalos en novas materias primas a través da reciclaxe.
A fin de transmitir a información con maiores garantías, os monitores desta empresa pública apoiaron as súas explicacións con presentacións, vídeos e mesmo co novo jingle de Sogama, que, a golpe de pop-rock, anima a participar na xestión sostible dos residuos en distintos escenarios e desde diferentes lugares.
Docentes e alumnos aproveitaron a ocasión para consultar diferentes dúbidas, especialmente ligadas á recollida selectiva, e reflexionaron conxuntamente sobre a necesidade de que a cidadanía se implique de forma activa en converter os residuos en recursos, dadas as limitadas e escasas materias primas virxes.
As charlas acompañáronse con xogos e dinámicas centradas en asociar residuos co contedor correspondente, incidindo en que a correcta separación en orixe e o posterior depósito de materiais nos contedores correspondentes constitúe a única vía coa que garantir un reciclado de calidade, cos conseguintes beneficios para o medio ambiente, a economía e a sociedade.
Saúdos, Departamento de Comunicación