- A empresa pública adxudicou, por un importe próximo aos 460.000 euros, o servizo de retirada e valorización deste material (ao redor de 5.000 toneladas anuais), evitando a súa vertedura
- Lembra que, de ser depositado en orixe nos iglús correspondentes, os concellos non só pagarían menos a Sogama, senón que recibirían ingresos por parte das entidades recicladoras
Cerceda, 1 de setembro de 2026.- Co obxectivo de contribuír a incrementar as taxas de reciclaxe en Galicia, Sogama adxudicou, por un importe de 458.987 euros (IVE incluído) o servizo de retirada e valorización do vidro contido na fracción de rexeitamento resultante do tratamento da bolsa negra (ao redor de 5.000 toneladas anuais). O contrato, cunha duración inicial de 2 anos, poderá ser prorrogado por 2 anos máis.
Se ben os envases de vidro deberían ser depositados en orixe no iglú verde, o certo é que aínda chegan importantes cantidades deste material ao Complexo Medioambiental de Cerceda. Logo de someter a tratamento a bolsa negra mediante a segregación automática da parte reciclable para enviar á industria transformadora e a valorización enerxética da non reciclable, aínda queda, no rexeitamento resultante do proceso, unha cantidade de vidro que pode ser recuperada para distintos usos, evitando a súa vertedura.
Ao respecto, Sogama lembra que o vidro incrementa substancialmente o peso da bolsa negra que os concellos entregan nas súas instalacións e, polo tanto, o importe da factura que estes deben abonar. De ser depositado nos iglús correspondentes, os entes locais non só pagarían menos a Sogama, senón que recibirían ingresos por parte das entidades recicladoras.
Neste sentido, non debe esquecerse que se trata dun material 100% reciclable e que dun envase de vidro pode obterse outro de idénticas características, non perdendo propiedades durante o proceso de reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación