- Enmarcado na Semana Europea da Prevención de Residuos 2025, situarase diante da Escola de Forestais, en horario ininterrompido de 11:00 a 18:00 h
- Técnicos especializados explicarán como levar á práctica, cada día, o principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) para que a cantidade de lixo a someter a tratamento finalista, sexa a menor posible
- Todos os que participen nas actividades contempladas na aula ambiental, serán obsequiados con distinto merchandising
Cerceda, 24 de novembro de 2025.- Con motivo da súa participación na Semana Europea da Prevención de Residuos 2025, que arrincou o pasado sábado, 22 de novembro, e estenderase ata o próximo día 30, Sogama instalará mañá, martes 25, no Campus Universitario de Pontevedra, unha aula a través da cal dará a coñecer as claves para levar a cabo unha xestión sostible dos residuos na que se priorice a estratexia dos tres erres: redución da cantidade de refugallos producidos, reutilización dos produtos o maior número de veces posible, e reciclaxe dos distintos materiais que conforman o lixo a fin de darlles unha nova vida, evitando o consumo dos xa escasos e limitados recursos naturais.
Atendida por técnicos especializados, a aula situarase diante da Escola de Forestais, en horario de 11:00 a 18:00, e estará equipada con paneis, gráficos e pantallas para que os universitarios poidan tomar nota do proceso de xestión que seguen os residuos desde que se producen e se depositan no contedor correspondente ata que se recuperan, ben mediante a súa reciclaxe, no caso dos susceptibles de ser reciclados, ben mediante a súa compostaxe, aplicable á materia orgánica, ou ben a través da súa valorización enerxética, no caso da fracción non reciclable, xa que, de non ser convertida en electricidade, acabaría enterrada en vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
Todos os que se acheguen ao punto informativo e participen nas súas actividades, serán obsequiados con distinto merchandising.
Sinxelos e eficaces xestos para producir menos residuos
- Transforma a roupa vella en trapos multiusos.
- Leva a túa propia bolsa ou carro á compra.
- Opta por adquirir produtos a granel e co menor envase e envoltorio posible.
- Planifica os menús, axusta as racións ao número de comensais e aproveita as sobras para novas comidas.
- Diferenza entre data de caducidade e data de consumo preferente. A primeira indica o momento a partir do cal un produto pode ser prexudicial para a saúde; a segunda. o momento para partir do cal o produto pode perder cualidades (sabor, textura, presenza), pero sen representar un risco para a saúde.
- Prioriza o uso de botellas, cuncas e vasos reutilizables, e evita a súa versión en plástico.
- Prescinde dos panos de mesa e de papel, e opta polos de tea.
- A adquisición de aparellos eléctricos e electrónicos reacondicionados, pode representar unha magnífica oportunidade para coidar o medio ambiente e aforrar diñeiro.
- A autocompostaxe, no caso de vivendas con terreo, permite poñer en valor os residuos orgánicos mediante a súa transformación nun abono natural que regresa á terra para dar unha nova vida, constituíndo un dos mellores exemplos de economía circular.
- Incorpora a reciclaxe á túa vida. Segrega correctamente os residuos por tipos de material e deposita cada fracción no contedor correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; contedor marrón, para materia orgánica; e gris ou verde, para a fracción resto.