
- Técnicos da empresa pública impartiron o pasado 10 de xuño un curso de formación destinado a aquelas familias que participan no programa de autocompostaxe activado polo Concello da man de Sogama
- A día de hoxe, xa son 255 os fogares da localidade que participan nesta iniciativa, con interesantes beneficios ambientais e económicos
Cerceda, a 12 de xuño de 2025.- Técnicos especializados ao servizo de Sogama impartiron esta semana (10 de xuño) no Concello de Cedeira (A Coruña), concretamente no Auditorio Municipal, un curso orientado a proporcionarlles as claves para elaborar un compost de alta calidade.
Esta formación dispensouse con motivo da recente ampliación, da man desta empresa pública, do programa de autoxestión da materia orgánica a 30 novas vivendas do municipio, sumando un total de 255 os fogares que xa levan a cabo esta práctica.
Ademais de proporcionar os composteiros e o material didáctico de apoio, Sogama explicou aos asistentes os pasos a seguir desde a propia montaxe do recipiente e localización idónea do mesmo, ata o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, así como a necesidade de que haxa un equilibrio entre material húmido e seco.
Trataríase, tal e como manifestaron, de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis hixiénica, cómoda e eficiente.
Con este sistema permítese que, aproximadamente o 40% dos residuos que se xeran no fogar, se traten en orixe mediante a súa conversión en abono, que regresa á terra para dar vida a unha nova planta ou cultivo, activándose de novo o propio ciclo da natureza. Con isto, obtéñense beneficios de gran interese como poden ser a redución da cantidade de refugallos a depositar nos contedores da rúa, diminuíndo a frecuencia de recollida e minimizando as emisións de CO2 á atmosfera derivadas do transporte, ademais de propiciar que os custos a asumir polos concellos sexan menores ao entregar menos cantidades de residuos a Sogama para o seu tratamento.
Así mesmo, os usuarios poden prescindir da compra e uso de fertilizantes artificiais, apostando de cheo por un compost máis puro que, ademais de achegar nutrientes ao chan, tamén o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Saúdos, Departamento de Comunicación