![Sogama invertirá 150.000 euros en el ayuntamiento de Curtis para acondicionar la senda fluvial del río Mandeo Sogama invertirá 150.000 euros en el ayuntamiento de Curtis para acondicionar la senda fluvial del río Mandeo](/sites/default/files/noticias/image/2022-08/IMG-20220810-WA0004.jpg)
- O presidente da empresa pública, Javier Domínguez, e o alcalde, Javier Caínzos, asinaron esta mañá o correspondente convenio de colaboración
- O acordo enmárcase na construción da nova planta de transferencia municipal que está a levar a cabo a Xunta sobre terreos cedidos polo Goberno local
- Trátase dunha medida de compensación orientada a financiar proxectos de utilidade pública que contribúan a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza
Curtis (A Coruña), 10 de agosto de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), achegará un total de 150.000 euros para contribuír a financiar as obras de acondicionamento da senda fluvial do río Mandeo ao seu paso polo concello de Curtis.
O acordo —que quedou plasmado esta mañá coa sinatura dun convenio de colaboración entre o presidente da empresa pública, Javier Domínguez, e o rexedor, Javier Caínzos— enmárcase na construción da nova planta de transferencia municipal que está a executar Sogama en terreos cedidos polo Concello no polígono industrial de Teixeiro.
Tendo en conta que os servizos que ofrecerá a futura instalación beneficiarán tamén a outros municipios próximos —como é o caso de Sobrado dos Monxes e Vilasantar— o apoio de Sogama á referida actuación no Mandeo concíbese como unha medida de compensación orientada a financiar proxectos de utilidade pública de marcado carácter ambiental que contribúan a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza. O convenio subscrito hoxe entre ambas entidades terá unha vixencia dun ano.
UNHA INFRAESTRUTUA CON MAIOR CAPACIDADE E EFICIENCIA
A nova planta de transferencia que a empresa pública constrúe en Curtis grazas aos 8.000 metros cadrados cedidos polo Goberno municipal no parque empresarial de Teixeiro virá substituír á microplanta que opera nesta localidade desde o ano 2005.
A futura infraestrutura permitirá gañar en capacidade —chegando ata as 17.000 toneladas anuais—, eficiencia e funcionalidade xa que, ademais de transvasar as fraccións de residuos correspondentes ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e ao xenérico (resto), poderá acoller tamén a materia orgánica recollida no contedor marrón. Aínda que, inicialmente, dará servizo aos concellos de Sobrado dos Monxes e Vilasantar, ademais do de Curtis, estará á disposición doutros 15 municipios.
A instalación contará cunha nave de 600 m2, unha zona verde de aproximadamente 1.300 m2, e estará equipada cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación con capacidade para tres contedores, un aparcamento e un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén.
Así mesmo, e co fin de reducir a dependencia dos combustibles fósiles, alimentarase con enerxía solar, fomentando deste xeito o autoconsumo a través de paneis fotovoltaicos.
A nova instalación de transferencia de Curtis integrarase na rede de infraestruturas activada pola Xunta de Galicia para que a práctica totalidade dos concellos adheridos ao sistema de Sogama (295 en total), dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Esta rede, á que o Goberno galego destinará un investimento de 40 millóns de euros, estará conformada por 4 novas plantas de compostaxe —localizadas en Cerceda, a única xa operativa; Cervo; Vilanova de Arousa; e Verín— e outras 13 de transferencia —entre elas, a de Curtis— que contarán cunha tolva específica para transvasar a materia orgánica.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda