
- O presidente da entidade, en declaracións a Radio Voz, expuxo que a actividade desta empresa pública posibilitou o peche e clausura de máis de 300 vertedoiros municipais que non cumprían as mínimas condicións de seguridade e control
- Respecto dos grandes fitos dos últimos anos, Javier Domínguez destacou a ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, a incorporación da industria 4.0, a posta en marcha da rede de infraestruturas para a compostaxe e o incremento do transporte de residuos por ferrocarril
- Avanzou tamén a folla de roteiro da empresa para os próximos anos, que se asentará sobre a transformación dixital, a descarbonización e a xestión de residuos téxtiles
Cerceda, a 13 de xuño de 2025.- Na entrevista de peche da tempada 2025 do programa Ecovoz, emitido por Radio Voz Galicia, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, non dubidou en asegurar que a actividade desta empresa pública permitiu en Galicia o peche e clausura de máis de 300 vertedoiros municipais que non cumprían as mínimas condicións de seguridade e control, marcando un antes e un despois na situación ambiental da comunidade galega.
Fitos e proxectos
Dos grandes fitos a salientarno último decenio, Domínguez aludiu expresamente ao incremento da capacidade do Complexo Medioambiental de Cerceda, que pasou das 550.000 Tn/ano, a 1.000.000 Tn/ano, incorporando unha nova planta para a recuperación dos materiais reciclables contidos no lixo en masa e que opera con tecnoloxía 4.0.
Tamén se referiu á rede de infraestruturas para o tratamento da materia orgánica, conformada por 4 plantas de compostaxe e 13 de transferencia, así como ao incremento do transporte de residuos por ferrocarril, que subiu do 25% en 2016 ao 57% en 2025.
De cara ao futuro, anunciou que Sogama entrará nunha nova fase definida polo seu Plan Estratéxico 2025-2030, que se asenta sobre tres piares: a transformación dixital, tanto no plano industrial como administrativo, a descarbonización dos procesos e a xestión de novas fraccións de residuos, como é o téxtil.
Educación ambiental e proxección social
Respecto da educación ambiental, subliñou que se trata dunha das grandes preocupacións da empresa, de aí que as accións neste ámbito fosen a máis, consciente de que os efectos das campañas non son inmediatos, senón que se trata dun investimento a longo prazo.
Neste sentido, destacou o programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Cerceda, un dos mellores exemplos de transparencia da entidade, tendo pasado polo mesmo máis de 88.000 persoas para coñecer a súa operativa, sen esquecer outras iniciativas tales como as charlas externas, a plataforma pedagóxica “Caderno Verde”, os cursos en liña dirixidos a distintos colectivos sociais, iniciativas tales como “Recíclate con Sogama” e numerosas campañas de concienciación en torno ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Se ben Sogama tivo que demostrar moito máis que outras empresas, o positivo, a xuízo do seu presidente, é que “o tempo deu a razón á Xunta de Galicia, que hoxe pode presumir de ter un sistema de xestión de residuos urbanos modélico e exemplo a nivel europeo”.
De residuos a recursos
Dado que os recursos naturais son limitados e moi escasos, e as necesidades son cada vez maiores (máis poboación, máis servizos, máis dixitalización, máis comodidades, máis nivel de vida, etc), os residuos adquiriron na actualidade un novo status, dadas as posibilidades de convertelos en recursos, pero sen tensionar máis ao planeta. “O pequeno xesto de separar os refugallos e depositalos nos contedores correspondentes, tradúcese en grandes beneficios; así que, sexamos intelixentes”, concluíu.
Saúdos, Departamento de Comunicación