- Terá lugar, en Santiago e Cerceda, os próximos días 27 e 28 de novembro, sendo o seu obxectivo proseguir co intercambio de coñecementos, experiencias e novidades como forma de enriquecer e mellorar os servizos prestados por todas elas nos seus respectivos territorios
- Participarán nesta cita representantes de MARE (Cantabria), Cogersa (Asturias), Garbiker (Bizkaia) e GHK (Gipuzkoa), ademais de Sogama
Cerceda, 10 de novembro de 2025.- Sogama organiza o IV Encontro de empresas públicas de xestión de residuos da cornixa cantábrica, que terá lugar os próximos días 27 e 28 de novembro, co obxectivo de dar continuidade ao intercambio de coñecementos, experiencias e novidades por parte de cada entidade como forma de enriquecer o traballo e os servizos que todas elas prestan nos seus respectivos territorios, con certas similitudes en canto a climatoloxía, orografía, dispersión poboacional, etc.
Trátase dun encontro anual, de carácter itinerante, que se iniciou en Cantabria, proseguiu en Asturias e seguiu o seu periplo polo País Vasco. No caso de Galicia, arrincará en Santiago o día 27 pola tarde, coas exposicións que os dirixentes de cada compañía farán das principais accións desenvolvidas durante o último ano, así como a folla de roteiro deseñado para os próximos meses no marco do contexto normativo, ambiental e social actual.
Acto seguido, os responsables de área de cada entidade participarán en talleres de traballo específicos nos que se abordarán temáticas de interese tales como operación técnica, innovación e protección ambiental; comunicación interna e externa, relacións cos grupos de interese e dixitalización; ámbito xurídico, contratación e recursos humanos.
O día 28, a cita proseguirá na sede de Sogama, onde se darán a coñecer as conclusións dos grupos de traballo e os seus integrantes terán a oportunidade de coñecer a actividade industrial do Complexo Medioambiental de Cerceda a través dunha visita virtual e outra guiada a pé, para comprobar o tratamento ao que é sometido o residuo desde que chega a esta infraestrutura ata que sae da mesma convertida en recurso: ben en material xa clasificado por tipoloxías para remitir aos centros de reciclaxe, ben en enerxía eléctrica, no caso dos residuos non reciclables.
Ademais dos responsables de área de Sogama, o evento estará integrado por representantes de MARE (Medio Ambiente, Auga, Residuos e Enerxía de Cantabria, S.A); Cogersa (Consorcio para a Xestión de Residuos Sólidos de Asturias); Garbiker (pertencente á Deputación Foral de Bizkaia); e GHK (Gipuzkoako Hondakinen Kudeaketa, adscrita ao Consorcio de Residuos de Gipuzkoa).
Saúdos, Departamento de Comunicación