
- Ubicado no Polígono Industrial de Baión, conta cunha estensión próxima aos 20.000 metros cadrados.
- A operación, cuxo importe ascende a máis de 1.500.000 euros, formalizouse esta mañá entre Javier Domínguez, presidente desta Sociedade pública, e Beatriz Sestayo, xerente de SEA.
- A planta estará conformada por naves pechadas e impermeabilizadas nas que o tratamento dos residuos orgánicos se levará a cabo coas tecnoloxías máis innovadoras e respectuosas co medio ambiente.
Cerceda, 17 de marzo de 2021.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e a xerente de SEA (Solo Empresarial do Atlántico), Beatriz Sestayo, formalizaron esta mañá a compra, por parte da Sociedade pública, de sete parcelas sitas no Polígono de Baión, en Vilanova de Arousa, onde se ubicará a futura planta de biorresiduos.
O importe total da operación ascende a 1.545.332,24 euros, permitindo desta forma o emprazamento dunha instalación na que se valorizará a materia orgánica recollida selectivamente nos 26 concellos que, previsiblemente, e tras a implantación do quinto contedor (de cor marrón), farán uso da mesma.
Os terreos a ocupar contan cunha estensión de 19.585,98 metros cadrados e a planta estará conformada por naves pechadas e impermeabilizadas nas que o tratamento dos residuos orgánicos se levará a cabo coas tecnoloxías máis innovadoras e respectuosas co medio ambiente a fin de convertelos nun compost de alta calidade que, posteriormente, será utilizado como fertilizante na agricultura e xardinería.
Así mesmo, a infraestrutura integrará técnicas punteiras para o tratamento do aire e gases, que serán sometidos a un lavado químico e depurados posteriormente nun biofiltro.
Outra das particularidades da instalación é que se abastecerá con enerxías renovables, fundamentalmente con paneis solares, minimizando desta forma o consumo de combustibles fósiles e, polo tanto, a emisión de gases de efecto invernadoiro.
Con capacidade para tratar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e ao redor de 7.000 toneladas de material estructurante, a planta producirá da orde de 6.000 toneladas de compost cada ano, e xerará entre 8 e 10 postos de traballo, ademais de 20 indirectos.
A redacción do proxecto básico da instalación xa foi adxudicado por un importe próximo aos 115.000 euros
Saúdos, Departamento de Comunicación