Idiomas

Sogama, premiada nos European Business Awards 2021 polo seu compromiso medioambiental

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O seu presidente, Javier Domínguez Lino, foi o encargado de recoller o galardón en París.
  • Durante a súa intervención, o máximo responsable desta empresa pública manifestou a súa gran satisfacción, xa que “este premio vén a recoñecer todo o esforzo, traballo e ilusión que, desde esta sociedade, investimos na mellora ambiental da nosa terra, Galicia, a través da xestión sostible dos residuos urbanos”.
  • Con esta distinción, a organización do evento quixo enxalzar o bo facer de Sogama, calificándoa como exemplo de economía circular na xestión medioambiental.

París, a 4 de decembro de 2021.- Sogama foi premiada nos European Business Awards 2021, na categoría de Compromiso Medioambiental. O seu presidente, Javier Domínguez Lino, foi o encargado de recoller o galardón en París.

Durante a súa intervención, o máximo responsable desta empresa pública autonómica adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, manifestou a súa gran satisfacción, xa que “este premio vén a recoñecer todo o esforzo, traballo e ilusión que, desde esta sociedade, investimos na mellora ambiental da nosa terra, Galicia, a través da xestión sostible dos residuos urbanos”, ao que engadiu que “trátase dun recoñecemento especialmente significativo para nós porque coincide coa conmemoración do Ano Xacobeo 2021-2022”.

Aproveitando a gala, Domínguez animou aos presentes a visitar Galicia, “unha comunidade cunha beleza natural espectacular, unha paisaxe única, un importante patrimonio cultural e histórico, unha gastronomía de primeira e un pobo hospitalario, xeneroso, solidario e comprometido co medio ambiente”.

Con esta distinción, a organización do evento quixo enxalzar o bo facer de Sogama, calificándoa como exemplo de economía circular na xestión medioambiental.

OUTROS PREMIOS

É preciso recordar que o traballo da Sociedade Galega do Medio Ambiente está avalado por outros premios recibidos nos últimos anos. Por exemplo, Ardán, que este 2021 volveu a distinguila como empresa referente na economía, outorgándolle os diplomas de empresa circular e empresa igual en xénero 2021.

En 2017, tamén foi recoñecida por Ardán como compañía referente en boas prácticas empresariais; en 2019, como empresa innovadora e xeradora de riqueza; e en 2020, ademais de reafirmarse no ámbito da innovación e a alta produtividade, recibiu igualmente o certificado de empresa circular, atributo que reforzou este ano en curso.

Ponse así en valor as distintas colaboracións establecidas pola compañía cos grupos de interese e a incorporación de criterios circulares no consumo de recursos e, en xeral, no conxunto dos seus procesos produtivos.

Estes recoñecementos súmanse a outros galardóns tales como o Premio Cantábrico Excelente 2015 e o Premio O Suplemento 2016 no ámbito da xestión ambiental, figurando como empresa destacada no Atlas Galego en Bo Goberno e empresa comprometida co Medio Ambiente 2020, promovido por Economía Dixital.

SOBRES OS EUROPEAN BUSINESS AWARDS 2021

Os Premios Europeos á Empresa naceron coa pretensión de difundir o talento a nivel internacional, permitindo que diferentes empresas se reúnan nun punto xeográfico común co obxectivo de intercambiar ideas, proxectos e referencias.

Os gañadores abarcan os máis variados campos, pero cunha característica común, e é que traballan cada día con gran dedicación nun sector (no caso de Sogama vinculado á xestión dos residuos urbanos) en permanente evolución e onde a innovación ten un peso importante. Son sempre persoas ou entidades cuxa traxectoria profesional é exemplo de superación e éxito.

Saúdos, Departamento de Comunicación

4 Dec 2021

Galería