- Marta Gómez Palenque visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama, onde mantivo un encontro coa Dirección, así como coa directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia
- Javier Domínguez foi o encargado de explicar a evolución histórica desta empresa pública, así como os fitos máis relevantes do último decenio, que suman uns investimentos de máis de 118 M€
- Así mesmo, e aproveitando este encontro, pediu á representante do MITERD que se vele pola estabilidade do sector da valorización enerxética dos residuos non reciclables a fin de posibilitar que España cumpra os obxectivos europeos de vertedura e se facilite a transición enerxética
Cerceda, 25 de setembro de 2026.- A directora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD), Marta Gómez Palenque, xunto coa subdirectora xeral de Residuos deste mesmo departamento, Margarita Ruiz Saiz-Aja, visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer a súa operativa, así como a folla de roteiro deseñada pola empresa pública para facer fronte aos retos futuros na xestión dos residuos urbanos.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, acompañado pola directora xeral da Sociedade, Mirta Sueiro, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia, Mª José Echevarría, foi o encargado de explicar a traxectoria histórica desta Sociedade desde a súa creación, así coma os fitos máis relevantes do último decenio, destacando a ampliación, nun 81%, da capacidade de tratamento do Complexo coa posta en marcha dunha nova planta, equipada con tecnoloxía 4.0, para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, aumentando a achega á reciclaxe.
Tamén se referiu ao incremento do transporte de residuos por ferrocarril, que pasou do 25% en 2016 ao 55% na actualidade, así como á construción e xestión dunha rede de instalacións para a compostaxe da materia orgánica -conformada por 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia) e 13 plantas de transferencia de apoio-, ao maior número de concellos adheridos ao sistema Sogama, sumando a día de hoxe 304 (o 97% do total), e á creación de emprego e riqueza, toda vez que a actividade desta empresa pública xera 1.000 postos de traballo (entre directos e indirectos).
Todas estas actuacións, xunto con outras melloras, suman un investimento de máis de 118 millóns de euros desde 2015.
Novos horizontes
No marco do novo plan estratéxico de Sogama para 2025-2030, cun investimento estimado de 100 M€, o seu presidente referiuse o proceso de transformación dixital no que está inmersa a entidade coa pretensión de gañar en eficiencia e prestacións, así como ás medidas de descarbonización, substituíndo un combustible fósil (gas natural) por un renovable (biosecado) e á posta en marcha da que será a primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de España. Neste sentido, informou á comitiva de que as obras desta instalación culminarán no último trimestre deste mesmo ano, entrando en operación a principios de 2027.
Demandas
Javier Domínguez aproveitou o encontro coa representante do MITERD para pedirlle que se vele pola estabilidade do sector da valorización enerxética dos residuos non reciclables, pois isto posibilitaría que España cumpra os obxectivos de vertedura, cunha media próxima ao 50%, e facilitaría a transición enerxética, xa que se está a penalizar unha fonte de enerxía que, ademais de ser autóctona e barata, tamén é 50% renovable.
Saúdos, Departamento de Comunicación