
- O piloto, que terá unha duración de 6 meses, desenvólvese en Sevilla e está orientado a mellorar a recollida separada destes envases a través de contedores específicos situados nos puntos de venda
Cerceda, a 9 de xuño de 2025.- A mediados do pasado mes de maio, Stanpa, a Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética, presentou en Sevilla un proxecto piloto que, baixo a denominación “Belleza circular”, busca impulsar a recollida selectiva de envases de perfumes e cosméticos de pequeno tamaño. A proposta, desenvolvida en colaboración con Ecoembes e Ecovidrio como partners ambientais, conta con máis de 60 puntos de recollida distribuídos en distintos establecementos.
Durante o acto, celebrado na capital hispalense, representantes institucionais da Junta de Andalucía e do Concello de Sevilla acompañaron aos promotores do proxecto, subliñando o compromiso do sector coa sostibilidade. Val Díez, directora xeral de Stanpa, destacou que esta iniciativa nace do diálogo con consumidores cada vez máis concienciados co impacto ambiental dos seus hábitos, e apelou á implicación de toda a cadea de valor.
O piloto, cunha duración de seis meses, contempla a instalación de contedores deseñados especificamente con dobre compartimento (plástico-metal e vidro) para facilitar a separación en orixe. A recollida realizarase nos propios puntos de venda, unha solución práctica para envases que, polo seu tamaño e complexidade, escapan moitas veces ao circuíto convencional de reciclaxe.
O proxecto contou co asesoramento de expertos como Jerusalem Hernández (KPMG), e a implicación activa de compañías como Clarel.
Os envases recollidos serán trasladados a instalacións especializadas para o seu tratamento e valorización, co obxectivo de analizar a súa reciclabilidade e avanzar cara a unha xestión máis eficaz e responsable dos residuos cosméticos.
Fonte: Industria Cosmética
Imaxe: Stanpa