
- Terá lugar este xoves, 18 de marzo, no Auditorio Municipal e dirixirase fundamentalmente ás 30 familias adscritas ao programa de compostaxe doméstica promovido polo Concello co apoio desta empresa pública.
- O encontro será aproveitado para repartir os composteiros entre os asistentes, xunto cos manuais didácticos de información e consulta.
Cerceda, a 16 de marzo de 2021.- Trala recente adhesión do Concello de Padrón (A Coruña) ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal esta empresa entregou ao ente local, e de forma gratuíta, 30 composteiros para repartir entre outras tantas familias e propiciar a autoxestión da materia orgánica, técnicos da Sociedade pública desprazaranse o vindeiro xoves, 18 de marzo, a esta localidade coruñesa para impartir un curso de formación. Ao mesmo asistirán os veciños que, voluntariamente, quixeron formar parte desta iniciativa, e a xornada será aproveitada para repartir os recipientes, con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
O encontro celebrarase ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal, e alí explicarase aos asistentes como montar o composteiro, o seu mellor emprazamento (no exterior da vivenda, protexido das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descomponedores), os materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, e o control de parámetros crave para a obtención dun compost de alta calidade como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Os usuarios recibirán tamén un manual didáctico no que se debulla a técnica a aplicar e detállanse os pasos a seguir, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e identifícanse os erros máis comúns.
A sesión, que terá unha duración aproximada de hora e media, servirá tamén para que os veciños de Padrón teñan a oportunidade de consultar dúbidas e trasladar os seus comentarios e observacións.
Toda a información sobre o programa en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación