- Recycling Europe destaca o papel que Ucraína xa desempeña no mercado europeo da reutilización ao recibir volumes significativos de roupa de segunda man procedentes de distintos países europeos
- De aí que a cooperación coa Ukrainian Textile Recycling Association (UTRA) busque reforzar este papel e contribuír a establecer unhas condicións normativas e de mercado adecuadas para seguir desenvolvendo a contribución deste país á economía circular téxtil europea
Cerceda, 5 de outubro de 2026.-A Ukrainian Textile Recycling Association (UTRA) incorporouse como novo membro da rama Téxtiles de Recycling Europe, reforzando a rede europea dedicada ao desenvolvemento da circularidade no sector.
UTRA representa ao sector ucraíno de recollida, clasificación, reutilización e reciclaxe de téxtiles e, entre as súas liñas de traballo, atópanse o impulso dunha lexislación aliñada cos estándares europeos, así coma o desenvolvemento de infraestruturas de recollida e clasificación de téxtiles, promovendo ao mesmo tempo a responsabilidade ampliada do produtor e o ecodeseño, ademais de favorecer as condicións necesarias para incrementar o investimento e a innovación no sector.
Segundo Recycling Europe, a incorporación de UTRA permitirá reforzar a cooperación entre o sector téxtil ucraíno e a industria europea da reciclaxe, así como compartir coñecementos e experiencias en materia de circularidade.
Igualmente, a organización destaca o papel que Ucraína xa desempeña no mercado europeo de reutilización ao recibir volumes significativos de roupa de segunda man procedentes de distintos países europeos, de aí que a cooperación con UTRA busque reforzar este papel e contribuír a establecer unhas condicións normativas e de mercado adecuadas para apoiar a reutilización e seguir desenvolvendo a contribución de Ucraína á economía circular téxtil europea.
Neste sentido, UTRA considera que as decisións e normas europeas teñen un impacto directo sobre o mercado téxtil ucraíno e a súa incorporación a Recycling Europe permitiralle participar no diálogo sectorial europeo, coñecer mellor os próximos cambios regulatorios e trasladar experiencia e coñecementos europeos ao desenvolvemento de solucións para Ucraína.
A asociación tamén expón como obxectivos desta cooperación a posta en marcha de infraestruturas, a creación de condicións claras para as empresas e a xeración de novas oportunidades de investimento e innovación, así como unha maior integración de Ucraína no mercado europeo.
Fonte: Recycling Europe