
- Así o espuxo Javier Domínguez na emisora Cope Galicia, onde analizou os principais fitos na evolución do Complexo Medioambiental de Cerceda ao longo dos seus 25 anos de actividade
- En canto ás cifras de maior interese, destacou a adhesión de 295 concellos; unha rede de infraestruturas conformada por 1 complexo, 37 plantas de transferencia, 4 de compostaxe e 1 vertedoiro de apoio; 57% dos residuos transportados por tren; e a creación de 1.000 empregos
- Como liñas estratéxicas para os próximos anos, fixo especial fincapé na transformación dixital, a descarbonización dos procesos e a posta en marcha dunha planta para a clasificación de téxtiles
Cerceda, ao 3 de xuño de 2025.- En declaracións á cadea Cope Galicia, e no marco do 25 aniversario da actividade do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, o presidente desta entidade pública, Javier Domínguez, destacou que un dos principais fitos desta infraestrutura foi o de ter propiciado a eliminación dos 300 vertedoiros municipais diagnosticados en Galicia na década dos 90 e, moi especialmente, ter evitar que estes volveran a activarse, proba evidente de que o Complexo está a funcionar e está a funcionar ben. “O Complexo nunca deu un paso atrás; sempre incorporou melloras para avanzar e prestar un servizo de alta calidade aos concellos”.
Cifras destacadas
Respeto das cifras que ilustran as melloras ambientais acadadas neste cuarto de século, Domínguez Lino referiuse aos 295 concellos (94% do total) que confían os seus residuos a Sogama, á ampla rede de instalacións das que dispón a compañía: 1 complexo, 37 plantas de transferencia, 4 plantas de compostaxe e 1 vertedoiro controlado de apoio, e o impulso que se deu ao tren como medio preferente para o transporte de residuos, que pasou do 25% en 2016 ao 57% actual.
Tamén se referiu á xeración de emprego, xa que a actividade de Sogama mantén 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.
Enerxía cos residuos non reciclables
En canto á transformación dos residuos en enerxía, o máximo responsable da Sociedade explicou que Sogama utiliza unha tecnoloxía única en España, a de leito fluído circulante, e na que o combustible preparado a partir da fracción non reciclable valorízase en dous fornos a temperaturas superiores a 850ºC, empregando unha area específica en suspensión con inxección de aire e durante un curto tempo de 10 segundos.
Permítese así unha combustión homoxénea e a elevadas temperaturas, o que garante en boa medida a eliminación de compostos tales como dioxinas e furanos. E todo isto reforzado con diversos sistemas de depuración de gases que posibilitan que todos os parámetros de emisión se atopen moi por baixo dos límites legais.
A partir dos refugallos non reciclables, e que doutra forma acabarían enterrados en vertedoiro, Sogama xera a enerxía equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Folla de ruta 2025-2030
En relación ás liñas estratéxicas establecidas para os próximos anos, referiuse especialmente á transformación dixital, a descarbonización dos procesos e a posta en marcha dunha planta, a primeira de carácter público, para a clasificación de residuos téxtiles. Esta instalación enmárcase na obrigatoriedade legal dos concellos de implantar, a partir do 1 de xaneiro de 2025, a recollida diferenciada de téxtiles e tamén na obrigatoriedade de que os fabricantes de roupa utilicen unha porcentaxe de fibra reciclada, máis aló de que esta instalación contribuirá en boa medida a cumprir os obxectivos de reciclaxe establecidos pola Unión Europea.
Saúdos, Departamento de Comunicación