
- O traballo enmárcase no proxecto AP-Waste, que ten entre os seus obxectivos fomentar a recollida e xestión de plásticos agrarios nun 50% ata 2025, coa particularidade de que a recuperación dos plásticos contaminantes podería xerar un volume de negocio de 114 millóns de euros para os agricultores neste período.
- Actualmente, o equipo de investigadores da UMH está a realizar un estudo de supervivencia coas miñocas para comprobar que porcentaxe de sustrato contaminado poden chegar a soportar e transformar nun recurso fértil.
Cerceda, a 5 de novembro de 2020.- No marco do proxecto AP-Waste, no que participa a Universidade Miguel Hernández (UMH) de Elche, perfecciónase un método para transformar residuos plásticos da agricultura en humus de miñoca. Os estudos preliminares indican que este proceso de descomposición natural podería aplicarse para obter un fertilizante homologado polas autoridades e apto para ser comercializado.
O obxectivo do proxecto AP-Waste, un grupo operativo creado pola Asociación Agraria de Mozos Agricultores (ASAJA), e no que participa a UMH, é biodegradar de forma natural os plásticos utilizados na agricultura a través do uso de insectos. Como explica o responsable do proxecto na UMH, o investigador Raúl Moral, o uso de agroplásticos ten múltiples beneficios para os agricultores, pero, se tralo seu uso non se recollen e procesan axeitadamente, poderíanse xerar residuos de difícil eliminación. En Europa existen 110.000 hectáreas de invernadoiros e túneles plásticos destinados á agricultura, a metade das cales atópanse en España.
O proxecto AP-Waste ten entre os seus obxectivos fomentar o incremento da recollida e xestión de plásticos agrarios nun 50% ata 2025. Ademais, segundo o equipo de traballo, a recuperación dos plásticos contaminantes podería xerar un volume de negocio de 114 millóns de euros para os agricultores neste período.
A biodegradación dos plásticos no proxecto AP-Waste segue unha secuencia de tres pasos: en primeiro lugar, o plástico dáse a comer ao gusano da fariña (Tenebrio molitor), que é moi bo triturador. Posteriormente, utilízase a mosca soldado negra (Hermetia ilucens) e, nun último paso, o sustrato con refugallos plásticos será transformado por un tipo de miñoca criado na UMH.
Actualmente, o equipo de investigadores da UMH está a realizar un estudo de supervivencia coas miñocas para comprobar que porcentaxe de sustrato contaminado poden chegar a soportar e transformar nun recurso fértil. Ademais da presenza de plásticos, as miñocas deben enfrontarse aos restos deixados por outros insectos que interveñen en etapas anteriores.
No proxecto colaboran tamén o sistema de recollida de envases agrarios (SIGFITO), o Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura (CEBAS-CSIC), o Instituto Tecnolóxico da Embalaxe, Transporte e Logística (ITENE) e Repsol.
O grupo operativo AP-Waste conta cunha subvención do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER) de 558.011,21 euros (100 % cofinanciado pola UE) e ten unha duración de dous anos, que corresponde ao periodo comprendido entre novembro 2019 e xullo 2021.
Fonte: UMH
Imaxe: Pixabay