
- Incrementar os niveis de reciclaxe deste material ao 10% na UE, podería lograr un aforro de carbono de 440.000 toneladas anuais e a conservación de 8.800 millóns de metros cúbicos de auga
Cerceda, a 26 de xuño de 2025.-Os niveis de reciclaxe de téxtiles para o seu uso como base na fabricación de novas teas, son aínda moi baixos. A medida que se desenvolva e amplíe a tecnoloxía de reciclaxe fibra a fibra, a taxa podería alcanzar o 26 % para 2030. Mentres tanto, a estratexia da Unión Europea pasa por que todos os produtos téxtiles sexan duradeiros, reparables e reciclables para 2030.
O Instituto Sueco de Investigación Ambiental IVL analizou algúns dos resultados potenciais que suporía aumentar a reciclaxe deste material ao 10 % para 2035, concluíndo que tería un 92% de probabilidades de reducir o impacto climático e case un 100% de lograr melloras na escaseza de auga. A redución media do impacto climático co novo enfoque, en comparación coa situación habitual, foi do 0,5%, o que representa un aforro de 440.000 toneladas de CO₂ equivalente ao ano. A redución media do impacto na escaseza de auga foi de pouco máis do 3%, equivalente a 8.800 millóns de m³ de equivalente mundial (unha medida do esgotamento da auga).
Pequenos cambios poderían alterar a probabilidade de reducir o impacto climático ao 87-95%, mentres que cambios importantes poderían levar as probabilidades a entre o 62% e o 98%.
Os resultados destacaron a necesidade de abordar con cautela os factores influíntes ao implementar cambios a gran escala na reciclaxe téxtil, sendo o aumento da reciclaxe e a diminución da produción de fibra primaria os de maior impacto.
Malia que os resultados suxiren maiores taxas de reciclaxe, os autores salientaron que os propios procesos de reciclaxe tamén necesitan melloras, en particular, aumentando a eficiencia enerxética e garantindo que as fibras recicladas teñan a calidade suficiente para substituír ás virxes.
Igualmente, a reciclaxe fibra a fibra require apoio político a fin de que poida desempeñar un papel importante no logro dos obxectivos europeos de xestión de residuos. Os Estados membros da UE deben establecer fluxos de recollida selectiva para téxtiles usados a partir deste ano 2025.
Fonte e imaxe: Comisión Europea