- Trátase dun campamento infantil de verán promovido polo Concello ourensán de Cea co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar durante os meses de xullo e agosto, sendo a formación en valores un dos grandes principios que guían esta iniciativa
Cerceda, 1 de setembro de 2026.-En días pasados, Sogama sumouse ao programa “Disney Camp Cea”, un campamento infantil de verán promovido polo Concello ourensán de Cea co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar durante os meses de xullo e agosto, e fíxoo para impartir unha sesión formativa sobre xestión sostible de residuos, así como un taller específico de reciclaxe.
Para unha mellor atención dos escolares participantes, estes distribuíronse en dúas quendas, de 4 a 7 anos e de 8 a 12, a fin de que os contidos a transmitir e as actividades a realizar se axustarn en maior medida ás idades e nivel educativo dos pequenos.
Conceptos tales como prevención, consumo responsable, redución da produción de refugallos, reutilización e separación dos mesmos por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado, estiveron presentes nas diferentes dinámicas programadas, incidindo especialmente na identificación do que debe -e non debe- depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas.
A formación en valores foi un dos grandes principios que guiou este campus infantil, no que, máis aló da protección do medio ambiente, traballáronse outras temáticas tales como a saúde, o coidado privado, primeiros auxilios e nocións de salvamento acuático, que estiveron reforzadas e aderezadas con manualidades e xogos inspirados en películas de éxito como “Luca” ou “Madagascar”.
Saúdos, Departamento de Comunicación